Actualidade O Fun & Serious medrará en tamaño e importancia

O Fun & Serious medrará en tamaño e importancia

A aposta do Fun & Serious Game Festival é clara: seguir medrando, madurando e contar con máis ambición que nunca. Este ano, o festival nado en Bilbao cambiará de escenario como regalo polo seu oitavo aniversario. Celebrarase entre o 7 e o 10 de decembro no BEC (Bilbao Exhibition Centre), en Barakaldo, un espectacular recinto de 15.000 metros cadrados no que poderá acoller máis espectadores, máis poñentes e máis expositores invitados.

Este ano, ademais, o F&S contará co apoio dun novo socio patrocinador, BBK, que quixo comprometerse co festival para dotalo dun impulso económico e de medios polo desenvolvemento e benestar de Bizkaia. A fundación bancaria amosa así o seu interese pola industria do videoxogo e as tecnoloxías emerxentes. Afondando nese apartado, o Premio Universitario pasa chamarse premio BBK Novos Talentos, dotado con 3.000 euros e entregado durante a gala de Premios Titanium que terá lugar no Museo Guggenheim. Os estudantes, universidades ou centros de formación que queiran participar poden anotar os seus proxectos neste enlace.

O F&S configúrase como un dos maiores festivais de videoxogos de Europa, cun histórico de premios que inclúe a nomes coma Jeff Kaplan (Blizzard), John romero (Doom, Quake), Jordan Mechner (Prince of Persia) ou Yuji Naka (Sonic). Esta nova edición terá como nación invitada a Polonia, un mercado en expansión que agora todo o mundo coñece grazas á saga The Witcher, co bruxo Geralt de Rivia como protagonista e que tras triunfar na literatura arrasou nas consolas e PCs de todo o mundo da man de CD Projekt RED.

O ano pasado preto de 25.000 asistentes pasaron por este evento de carácter anual. O seu programa combinará formación, encontro, creatividade, emprendemento e darase a coñecer nas próximas semanas. O que si se sabe seguro é que incluirá o Games Industry Forum (GIF), a vertente máis profesional e de negocio a través de charlas, experiencias e numerosos puntos de encontro para profesionais e aficionados.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.