O goberno británico financia un xogo de Peaky Blinders

Peaky Blinders converteuse nunha das series de televisión máis exitosas da actualidade. Producida pola BBC, narra os turbios asuntos da familia Shelby en Birmingham durante o período de entreguerras. Maze Theory, estudio fundado no 2018, vén de anunciar que se atopa traballando nun videoxogo para VR ambientado neste universo de gánsteres. O goberno británico outorgoulle unha subvención para logralo.
We’re very pleased to announce the first of a number of projects currently going through the studio – looking forward to sharing more development on this project in the coming months #virtualreality #peakyblinders #vr #mazetheory #evolutionarystorytelling pic.twitter.com/wjPcpdfSzz
— MazeTheory (@Maze_Theory) April 26, 2019
O título ten prevista a súa chegada o ano que vén para todas as plataformas de realidade virtual, o que debería incluír PlayStation VR, HTC Vive e Oculus. Segundo indican dende o estudio inglés, viviremos unha serie de eventos a través dos ollos dun personaxe orixinal, alleo á serie e deseñado dende cero para o videoxogo. Interactuaremos coa familia Shelby así como cos protagonistas da ficción televisiva. Maze Theory sinala que están a traballar cunha nova intelixencia artificial que reacciona aos xestos e ao ton de voz que usemos.
Non é o único proxecto virtual co universo de Peaky Blinders de fondo. Curve Digital e Future Lab tamén están a desenvolver o seu propio título. Será un xogo de acción, cos actores da serie como protagonistas e cunha gran carga narrativa, aínda que se descoñece a súa data de saída e a plataforma na que aterrará.