Actualidade O Lugo de Cities: Skylines ten sinatura galega, Andrés Armesto

O Lugo de Cities: Skylines ten sinatura galega, Andrés Armesto

Andrés Armesto diferencia entre dous tipos de persoas dentro de Cities: Skylines: «os que xogan como deberían e os que fan maquetas». É unha aproximación demasiado certeira á realidade dun título que se erixe como o gran city builder da actualidade, ese xénero de xestión onde economía e arquitectura van da man. A cidade dos nosos soños pode ser construída, se tes o tempo preciso para tal asunto.

Natural de Lugo, o traballo de Armesto é un luxo para a vista. Abonda un breve paseo polo seu perfil en Steam para comprobar a inxente cantidade de material que achegou ao xogo orixinal. Máis de 150 entradas nas que un pode achar de todo: A muralla romana, a igrexa de San Bieito de Compostela, a Torre de Hércules ou, a súa última achega, a catedral de Lugo. Unha radiografía dixital da arquitectura autóctona, que repasa séculos, épocas e estilos.

«Fágoo porque me presta, é un hobby», explica o lucense. «A maioría do tempo que paso no xogo é máis un tema experimental, de probar e montar cousas que de xogar como tal. É algo que me divirte».

A Torre de Hércules, outra das creacións de Armesto.

Por suposto, malia que realiza esta actividade no seu tempo libre, está directamente relacionada co seu oficio, modelador 3D. Un traballo onde o detallismo é a clave, e que, en moitas ocasións, require de máis horas das que un podería chegar a pensar. Exemplo diso é a catedral de Lugo, edificio que lle levou, estima, máis de 70 horas para telo finalizado e completo e poder ser usado en Cities: Skylines. O resultado é fantástico.

O proceso que segue Armesto é o dunha documentación exhaustiva. Se ten acceso ao edificio realiza diferentes fotografías para obter as diferentes perspectivas que necesita para logo traballar no computador, mesmo botar unha ollada aos planos. Non sempre é posíbel. Algúns edificios que recreou xa non existen, como é o caso do antigo Gran Teatro da súa cidade. Neste proxecto, o lucense chegou a falar cos familiares directos do arquitecto orixinal para poder buscar na súa casa os planos do proxecto. Por desgraza, non tivo sorte nesta procura, pero o resultado segue sendo moi belo.

Esta mesma semana, Paradox Interactive fíxose eco de todo o traballo que Armesto vén realizando. Unha entrevista na que narra as súas motivacións e na que destaca unha de xeito especial: a conservación do patrimonio, do noso pasado. Quizais xa non podemos ver algunhas destas construcións en persoa, pero si poderemos situalas nas nosas cidades dixitais.

O modelador 3D ten aberto un Patreon no que calquera persoa pode axudarlle a continuar co seu proxecto. Nas súas redes sociais vai subindo todas as creacións que ven a luz no seu fogar. Entre outros proxectos nos que participou, destaca un para National Geographic, no que modelou construcións de relevancia histórica para unha colección de libros didácticos.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.