Actualidade O maior torneo de DOTA 2 pasa a barreira dos 30 millóns de dólares en premios

O maior torneo de DOTA 2 pasa a barreira dos 30 millóns de dólares en premios

Falta aínda un mes para que dea comezo o maior torneo de DOTA 2 do mundo, a famosa The International 2019, pero non é estraño que cada poucos días o xogo de Valve arroxe algún titular sobre acadar un novo récord. Desta vez foi o de romper un que xa tiña, o de maior premio en metálico da historia dun deporte electrónico: máis de 30 millóns de dólares.

A International do pasado ano superou a barreira dos 25 millóns e medio de dólares, o que xa se considerou unha verdadeira bestialidade. A realidade é que DOTA 2  leva desde a súa primeira edición sendo un dos torneos máis rechamantes do mundo debido ás cifras que manexa. E aínda faltan máis de trinta días por diante para seguir recadando fondos!

Fonte: DOTA 2 Price Pool Tracker.

Na práctica, o premio depende do gasto que realicen os usuarios do título de Valve a través do Pase de Batalla e os diversos cofres creados para a ocasión. Por cada elemento mercado, un 25 % deses cartos irán destinados a acabar nas billeteiras dos participantes da competición. Así é, imaxina a tolemia en forma de euros e dólares que os xogadores foron deixando neste MOBA nestas últimas semanas.

The International 2019 contará coa presenza de 18 equipos. O millonario torneo desenvolverase por primeira vez no Mercerdes Benz Area de Xangai, China, entre os días 15 e 25 de agosto.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.