O medio estadounidense The New York Times merca Wordle
Convertido nun fenómeno viral ao longo das últimas semanas, Wordle, o título gratuíto que podemos xogar desde o computador ou calquera dispositivo móbil, foi comprado por The New York Times. O acordo foi pechado por unha cantidade de «sete cifras» aínda que non foron concretadas cales de xeito concreto.
Que é Wordle? Un xogo en liña que reta a adiviñar unha palabra de cinco letras en menos de seis intentos. Apareceu o pasado outubro e medrou de forma exponencial até contar con millóns de xogadores diarios en todo o mundo —e mesmo adaptacións a cada lingua—. O seu formato de carácter diario (só podes xogar unha vez ao día) e sinxelo, mais tamén pon a funcionar a cabeza, foron as súas principais bazas.
The New York Times non revelou os seus plans para co xogo, aínda que de momento di que seguirá sendo de balde. Dalgunha forma, Wordle adáptase moi ben aos encrucillados diarios de toda a vida e «reflicte a importancia crecente dos encrucillados e xogos de palabras na misión da empresa para subir as súas subscricións dixitais até os 10 millóns en 2025», segundo o xornal.
O creador de Wordle, Josh Wardle, tamén emitiu un comunicado no que afirma que o éxito do seu xogo pillouno desprevido, pero sinala que é unha boa noticia saber que seguirá medrando con toda a atención e apoio que merece.
An update on Wordle pic.twitter.com/TmHd0AIRLX
— Josh Wardle (@powerlanguish) January 31, 2022