Reportaxes O mes no que volven os heroes da lectura

O mes no que volven os heroes da lectura

Seguimos a voltas con setembro e os seus cambios. Desta vez, tócalle a editorial española Héroes de Papel anunciar as novidades do seu catálogo para o comezo da tempada 2018-2019. Non só de videoxogos se pode alimentar un.

Ata tres títulos incorporará ao seu catálogo a editorial nacional, facendo protagonistas a Tomb Raider, Overwatch e Porco Rosso.

 

Shadow of the Tomb Raider: La senda del apocalipsis

Trátase dunha novela baseada na famosa saga de Lara Croft. Escrita por S.D. Perry, chegará ao noso país traducida por Concha Fernández Álvarez. Máis de 270 páxinas nas que afondar na aventura que a arqueóloga vivirá no seu novo título de PC e consolas.

O argumento ten o seu inicio xusto despois de que un misterioso descoñecido ofreza a Lara unha pista coa que podería obter certa vantaxe fronte á Trinidade. A aventureira emprenderá unha expedición a un sistema de covas en Colombia, pero a orde terá boa conta dos seus plans e non se deterán ante nada para chegar alí primeiro. As profundidades desa rede de pasadizos gardan horrores que ningunha das dúas partes podería imaxinar.

Biblioteca Studio Ghibli: Porco Rosso

Pouca dúbida cabe en considerar a Porco Rosso como unha das cintas máis persoales e intimistas da filmografía do xenio e cineasta nipón Hayao Miyazaki. O éxito desta obra confirmou o impulso de Studio Ghibli a principios dos noventa, para logo asaltar o máximo recoñecemento mundial con A princesa Mononoke, en 1997, e A viaxe de Chihiro, no 2001.

Situada na Italia fascista de Mussolini, en 1929, a historia da película xira arredor do seu protagonista, un lobo solitario  que pilota hidroavións e que tras sobrevivir á Primeira Guerra Mundial retorna ao fogar transformado nun porco de forma humana. O único elemento que o mantén co resto do mundo é a súa amiga da infancia Gina.

Manu Robles explora neste terceiro volume da Biblioteca Studio Ghibli o universo desta cinta, analizando e contextualizando cada elemento: as súas personaxes, os seus temas, a súa música, as súas referencias…

Ademais do propio libro, a súa reserva inclúe dúas láminas exclusivas ao igual que un par de marca páxinas.

¡Nerfea esto! Overwatch, la historia del héroe que llevas dentro 

Overwatch é moito máis cun videoxogo. A súa relevancia mundial convérteno nun fenómeno cultural no que hai moito que contar e outro tanto no que afondar. O libro de Rebeca Escribano é unha obra cargada de referencias, obrigatoria para calquera apaixonado do xogo de Blizzard.

Escribano consegue facer unha vasta interpretación do universo narrativo e dos protagonistas que contén Overwatch, así como poder contar polo camiño todo o proceso de deseño, creación e realización do título.

Por se fora pouco, tamén se analizan as regras básicas que establecen a diferenza entre os ómnicos e os considerados humanos neste mundo dixital, mentres expón ao  lector os pequenos segredos e ovos de Pascua ocultos nos escenarios, movementos e habilidades das personaxes. Adrián Suárez, foi o encargado de escribir o prólogo desta libro que conta con máis de 230 páxinas, e que terá unha edición limitada de gran atractivo.

 

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
  1. […] locutora, youtuber, ilustradora e experta en márketing. Hai unhas semanas vía a luz o seu libro Nerfea isto! Overwatch, a historia do heroe que levas dentro. Unha viaxe apaixonante cara ás entrañas dun dos fenómenos virtuais máis importante da última […]