O novo Crash Bandicoot contará con máis de cen niveis, pero incluirá micropagos

O novo Crash Bandicoot contará con máis de cen niveis, pero incluirá micropagos

Actualización:

Toys For Bob encargouse de aclarar a situación do xogo respecto a os micropagos. Nunha publicación en Twitter declararon que «non hai MICROTRANSACCIÓNS en Crash Bandicoot 4: It´ s About Time. Como bonus, os aspectos Totalmente Tubulares estarán incluídos en todas as versións dixitais do xogo».

Novos detalles saíron á luz de Crash Bandicoot 4: It´s About Time. O título de Activision contará con multixogador local para entre 2 e 4 xogadores, o cal permitirá xogar co propio Crash ou con Coco xunto cos nosos amigos durante os seus niveis de plataformas, niveis que apuntan a ser máis de cen, tal e como compartiu o usuario BroskiBae na súa conta de Twitter.

Sen entrar en máis aclaracións, tamén foi revelado que a cuarta entrega do renacer da franquía incluirá diferentes modos de xogo e diversas habilidades, o que supoñerá un gran repertorio do que gozar durante as partidas. Malia esta información, a web de compra dixital de Microsoft arroxou luz sobre un detalle moi revelador, xa que a ficha do título conta coa seguinte frase na súa descrición: «offers in-app purchases».

Desta forma, o xogo terá a posibilidade de realizar algunha compra dentro do mesmo. A falta de coñecer en que consistirían ditas microtransaccións, a obra de Toys for Bob podería recorrer a ofrecer diferentes aparencias para os personaxes, tal e como se puido ver durante a súa presentación. O único seguro é que Crash Bandicoot 4: It´s About Time chegará a PS4 e Xbox One o 2 de outubro deste ano.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.

Artigos relacionados