O ourensán Miguel Areán, entre os novos vogais da Xunta Directiva da DEV

O ourensán Miguel Areán, entre os novos vogais da Xunta Directiva da DEV

Miguel Areán.

A Asociación Española de Empresas Productoras y Desarrolladoras de Videojuegos y Software de Entretenimiento (DEV) ten como obxectivo representar os intereses de cen empresas creadoras de videoxogos e outras entidades comprometidas coa evolución deste sector. A súa misión non é outra que avogar polo seu recoñecemento institucional como industria estratéxica, altamente tecnolóxica, motor de novos modelos de negocio, xeradora de emprego e expoñente internacional da nosa cultura.

Tras a dimisión de Luís Quintans despois do caso BadLand, a Xunta Directiva de DEV renovouse coa incorporación de seis novos vogais, propostos tras remitir á xunta a súa candidatura. Destaca o nome de Miguel Ángel Areán, fundador e CEO de Polygone Studios empresa viguesa de desenvolvemento de videoxogo e outsourcing e director do Centro Tecnolóxico Galego do Videoxogo, situado en Porriño.

O resto de vogalías serán cubertas por:

  • Valeria Castro, fundadora, produtora e deseñadora de Platonic Games, estudo madrileño especializado no desenvolvemento de xogos mobile kawaii. Os seus xogos Happy Hop, Sailor Cats e Kawaii Kitchen conseguiron chegar a máis de 10 millóns de xogadores en todo o mundo.
  • David Ferriz, cofundador, game designer e artista gráfico en DevilishGames – Spherical Pixel, estudo alacantino con 20 anos de experiencia no sector dos videoxogos independentes, advergaming e serious games.
  • Juan Castillo, fundador de Mechanical Boss estudo especializado en Unreal Engine, organizador do Gameboss, festival de videoxogos independentes e director tecnolóxico de GGTech Entertainment empresa líder en España no sector educativo dos deportes electrónicos.
  • Luis Díaz Peralta, traballa como game designer e PR en AlPixel Games (Missing Translation e A Place for the Unwilling). Tamén é un dos organizadores de Gente Dando Charlas e Regional Organizer da Global Game Jam. Fóra do estudio, traballou en Bleep Bloop, Pokey Dokey Paradise e numerosos proxectos pequenos.
  • Antonio Iglesias, cofundador de Kraken Empire, empresa detrás do desenvolvemento de Kromaia, un videoxogo que foi premiado e nomeado en festivais nacionais e internacionais. Tamén creador de Hi Score Science, unha aplicación para dispositivos móbiles desenvolta en colaboración co CSIC e a Universidade de Zaragoza para facilitar a divulgación científica entre os mozos.

Os novos vogais incorporaranse de forma definitiva tras a súa ratificación pola Asemblea Xeral de DEV, que se reunirá a finais de xuño. Nesta reunión, a asemblea tamén estará chamada a elixir o novo presidente da asociación.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.