O parque de atraccións de Nintendo xa pode ser visitado en Osaka

O parque de atraccións de Nintendo xa pode ser visitado en Osaka

A pandemia atrasou a súa apertura, pero o parque de atraccións de Nintendo xa é unha realidade. Probablemente, o paraíso na Terra para calquera fan dos seus xogos e os seus personaxes. Super Nintendo World pode ser visitado en Osaka, Xapón, desde xa.

«O día que tanto esperabamos chegou!», indicou Shigeru Miyamoto, o lendario creador de Mario, no seu discurso de apertura. «Pasaron só seis anos desde que empezamos a preparalo, pasou todo moi rápido. Este é o primeiro mundo real de Super Mario no mundo. Estamos moi felices de poder abrir a tempo para o 35 aniversario da franquía»

A compañía da Gran N tamén abriu unha páxina web da área temática, en xaponés, na que podedes observar unha chea de fotografías das distintas zonas do recinto, entre as que aparecen o castelo de Peach, o de Bowser, atraccións como a de Yoshi’s Adventure ou as diferentes e típicas tendas con produtos de merchandising que hai en todo bo parque de atraccións.

Polo que parece, unha copia do parque será instalada no parque de Universal de Orlando (Florida) e inaugurada en 2025, para logo chegar ao parque de Hollywood e ao de Singapura. Oxalá podamos ir antes a Osaka e velo en persoa, non?

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados