Actualidade O primeiro Devil May Cry aterrará en Nintendo Switch a semana que vén

O primeiro Devil May Cry aterrará en Nintendo Switch a semana que vén

Capcom cumpre a súa promesa de levar a primeira aventura de Dante a Nintendo Switch no comezo do verán e os demos volven tremer. A compañía publicará Devil May Cry o 25 de xuño en Europa –un día antes en Norteamérica e dous días despois en Xapón– cun prezo de 19,99 euros. Só poderá ser mercado de xeito dixital, e terá un peso de 9,2 GB.

Non está claro aínda se a versión que chegará á máquina híbrida é a HD ou a que foi publicada no seu día para PlayStation 2. Nos vindeiros días é de supoñer que teremos máis datos respecto deste asunto.

Hai que lembrar que só é o primeiro xogo da franquía do cazademos, e non o recompilatorio Devil May Cry HD Colection que viu a luz o pasado mes de marzo. A saga está a vivir un momento doce, igual que a mesma Capcom, que acadou un enorme éxito coa estrea da quinta entrega da serie.

O título orixinal gozou dun éxito enorme en PlayStation 2 e fixo de Dante un personaxe moi coñecido.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.