Actualidade O produtor de Bloodborne e a revisión de Demon’s Souls abandona PlayStation

O produtor de Bloodborne e a revisión de Demon’s Souls abandona PlayStation

Teruyuki Toriyama fixo pública a súa intención de deixar SIE Japan Studio, o equipo de desenvolvemento interno de PlayStation Xapón, ao finalizar este último mes do ano. Trátase do produtor detrás de títulos como Bloodborne ou a estreada hai pouco revisión de Demon’s Souls. Nunha mensaxe da súa conta persoal de Twitter agradece o apoio amosado por todos os seguidores do estudio.

«Vou abandonar SIE WWS Japan Studio a finais de decembro» afirma o executivo. «Para todos os usuarios que mostraron o seu apoio a Japan Studio até esta data: Moitas grazas! Vou seguir afrontando o desafío de crear novas IPs na miña nova compañía, e pídovos o voso apoio». De que compañía se trata? Queda como un pequeno misterio no aire.

Distintas voces din que Toriyama será a próxima incorporación de Bokeh Game Studio, a empresa que conta xa con varios membros que tamén abandonaron hai uns días o estudio xaponés, como o creador de Silent Hill, Keiichiro Toyama. A nova compañía xa informou que está a dar forma a un título de terror que podería ver a luz nalgún momento do 2023.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.