O produtor de Resident Evil 2 xa apunta a outros remakes
Aínda faltan un par de meses para o seu lanzamento, pero todos os adiantos que Capcom foi mostrando do remake de Resident Evil 2 apuntan nunha dirección: a revisión do aclamado título de zombis será un éxito.
A transformación do xogo semella ser un renacemento total do seu apartado visual e da súa xogabilidade, deixando de lado as mecánicas de cámara fixa e cambiando radicalmente a maneira na que o xogador afronta os perigos que Raccon City contén.
Tendo en conta a expectación actual, e seguramente a propósito da fervenza de críticas positivas que arrastrará o novo Resident Evil 2, a compañía xaponesa xa deixou caer nalgunha ocasión que poderían considerar facer novas versións dos títulos con cámara fixa, como é o caso do Resident Evil 3: Nemesis.
Foi Tsuyoshi Kanda, produtor de Resident Evil 2, o último membro do equipo de desenvolvemento en insinuar que o futuro a medio prazo do seu traballo podería seguir ese camiño. En declaracións a PlayStation Magazine UK, Kanda di que “sería interesante ofrecer versións con cámara sobre o ombreiro a outros xogos de cámara fixa. Por agora, a miña prioridade é facer de Resident Evil 2 un éxito”.
O produtor xaponés tamén quixo lembrarlle á comunidade de xogadores que o cambio de cámara non influirá no terror que provocaba o orixinal, esa idea constante na cabeza de non saber que axexará no seguinte cambio de corredor ou habitación. A escuridade e os sustos estarán presentes. Tamén o “sentido de terror claustrofóbico”, segundo Kanda.
Polo momento, a recreación de Resident Evil 2 xa lle valeu un récord a Capcom: ser o título que máis traballadores implicou no seu desenvolvemento. Nada menos que oitocentas persoas até agora.
Por certo, xa lle botaches un ollo aos lickers?