O remake de Resident Evil 4 xa é un asunto oficial

O remake de Resident Evil 4 xa é un asunto oficial

Ao longo dos vindeiros días é máis que probábel que se fale, e moito, sobre se Resident Evil 4 merecía unha revisión ou non. Non tanto polo posíbel desfase visual ou mecánico da súa proposta, senón porque na práctica é un dos Resident Evil que máis fresco pode sentirse no pensamento após os innumerábeis ports que foi recibindo, e que nos permitiron xogalo en calquera plataforma habida e por haber.

Sexa como for, a cousa é que Capcom segue o camiño das revisións dos seus clásicos, logo de Resident Evil 2 e 3, e no último State of Play, o primeiro anuncio da noite foi para confirmar que si, que Resident Evil 4 terá un remake.

E non só iso, senón que a compañía xaponesa quixo deixar as cousas claras desde o principio, anunciando plataformas: PC, PS5 e Xbox; e poñendo data de lanzamento: o 24 de marzo do vindeiro ano. No momento da súa saída, dezasete anos separán o lanzamento orixinal do novo.

«Conserva a esencia do xogo orixinal, á vez que introduce mecánicas de xogo actualizadas, unha historia reimaxinada e impresionantes gráficos de última xeración», sinalan desde Capcom. Por suposto, a trama será a mesma, a de Leon S. Kennedy chegando a un illado pobo europeo na procura da filla do presidente dos Estados Unidos, Ashley.

Sen dúbida, será interesante ver como o estudio xaponés remodela unha das súas xoias máis carismáticas, valoradas e encomiadas da historia. Por certo, tamén terá contido para PlayStation VR2, mais non ofreceron máis datos sobre isto. Iso si, Resident Evil: Village chegará adaptado na súa totalidade a este sistema.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados