O renacer de Rust, a enésima proba do poder dos creadores de contido
Calquera xogo pode ser o próximo xogo na moda. Trátase dunha lei que é moi difícil de contradicir a día de hoxe. Quen ía pensar que Among Us sería o fenómeno que é? A resposta é simple: ninguén. Un título lanzado hai dous anos no que nin sequera os seus creadores aspiraban a máis; o seu tempo pasara. Craso error. Os creadores de contido, eses que poboan a Rede a través das súas retransmisións nas canles de Twitch e Youtube, conseguiron situalo como un dos xogos do ano. A pregunta xurdía soa… Cal sería o seguinte?
Parece que xa hai un elixido. Rust, o sandbox de supervivencia de Facepunch Studios, acaba de renacer para o público xeral. É certo que o título xa gozou dun éxito bastante notorio hai tempo entre youtubers e streamers, e ao longo dos últimos anos non se pode falar dunha caída no esquecemento absoluta, pero as cifras que alcanzou permiten falar dunha resurrección en toda regra.
A súa volta comeza coa creación dun servidor a finais de decembro con nomes como Shrod, xQC ou Pokimane, o que parece que inspirou a Rubius, Alexby e outros creadores de contido españois a iniciar un de seu, Egoland. Reuniron a máis de 70 nomes máis que coñecidos para a súa estrea: Lolito, Auronplay, KNekro, Revenant, Ibai, MenosTrece, Cristinini, Mayichi… O resultado? Máis dun millón de espectadores simultáneos en Twitch vendo o comezo deste e outros servidores.
We have just joined the 1 million viewers club on @Twitch ! POGGERS in chat! pic.twitter.com/gJRUS4PjxU
— Rust (@playrust) January 3, 2021
Ao analizarmos o xogo a través de Steam Charts, é doado comprobar como a actividade de xogo tamén aumentou ao longo dos últimos días. Non a niveis tan colosais como Among Us, pois aquel podía ser xogado de balde no móbil, mais Rust pasa dos 30 euros en Steam. amais de esixir unha GTX 980 e un i7 de cuarta xeración como requisitos recomendados. Malia todo isto, rexistra un 10,89 % máis de xogadores media que hai 30 días e a tendencia é positiva.
O pico máis recente é de 134.000 xogadores, fronte aos 87.000 do mes pasado. Pode non parecer unha barbaridade, pero é un aumento máis que significativo, sobre todo se temos en conta os factores xa amentados. Ademais, en calquera caso,alén de aumentar a súa cifra de xogadores, a cifra de espectadores, a máis rechamante e importante para a comunidade de creadores, é a que se disparou.
Dalgún xeito, Rust volve poñer sobre a mesa a capacidade publicitaria dos streamers. Unha comunidade que pode converter nun éxito instantáneo calquera xogo con só unha retransmisión. Quizais non só unha, claro, pero deixa entrever o potencial que posúen para conseguir novo público en forma de espectadores e xogadores. Non sorprende, polo tanto, as auténticas loitas que os estudios manteñen entre eles para que os seus xogos sexan gozados ao vivo por eles. A mellor publicidade hoxe en día dentro do medio? Posiblemente.