O roubo do Códice Calixtino inspira ao alumnado da UVigo
O roubo do Códice Calixtino será a fonte de inspiración para parte do alumnado da facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñería de Telecomunicación á hora de deseñar, neste cuadrimestre, o primeiro nivel dun videoxogo.
Os impulsores desta proposta promoverán cada semana unhas sesións de traballo conxunto entre os campus de Vigo e Pontevedra, nas que tres grupos de traballo distintos, tratarán de unir os seus avances no deseño e desenvolvemento deste tipo de obras dixitais.
Un dos grupos optou por converter ao ladrón do Códice no protagonista dun xogo que combinan a aventura e a intriga con matices de humor. Outro dos equipos decidiu desenvolver un xogo centrado na figura dun detective que investiga unha onda de crimes, namentres o terceiro grupo fará que o protagonista teña de «loitar con curas satánicos», sinalaron na presentación do proxecto.
Pola súa banda, o alumnado da materia Videoxogos, comunicación e desenvolvemento, do grao en Comunicación Audiovisual, será responsábel da parte narrativa, debendo presentar ao final da materia o deseño completo da mesma.
Os estudantes de Tecnoloxía multimedia e computer graphics, Produción audiovisual e Programaciónde sistemas intelixentes, do grao en Enxeñería de Tecnoloxías de Telecomunicación, centraranse na parte de programación.
Os tres equipos suman así mesmo estudantes da materia Comunicación alternativa: medios virtuais e novos soportes publicitarios, do grao en Publicidade e Relacións Públicas, que achegarán o seu coñecemento no manexo de redes sociais e outras ferramentas para transmitir todo o que vaian realizando os equipos de traballo, exercendo como unha axencia de comunicación real á que podería acudir unha produtora de videoxogos calquera.