Actualidade O Señor dos Aneis: Gollum, outra maneira de volver á Terra Media

O Señor dos Aneis: Gollum, outra maneira de volver á Terra Media

A compañía alemá Daedalic Entertainment anunciou esta semana que o seu próximo proxecto terá como protagonista a un dos personaxes máis importantes do Señor dos Aneis, o mediando antes coñecido como Sméagol, agora como a criatura Gollum. Narrará os feitos que ocorreron despois de que este hobbit obtivese o Anel Único.

O título quere desmarcarse doutros xogos da franquía. Os seus éxitos máis recentes atopámolos na proposta de acción de Warner Bros. Entertainment e Monolith, A Terra Media: Sombras de Mordor e A Terra Media: Sombras de Guerra, que gozaron dunha excelente acollida.

O videoxogo centrarase na narrativa e afastarase das mecánicas do últimos RPG de acción.

 The Lord of the Rings: Gollum, nome oficial do proxecto, será editado e publicado por Middle-Earth Enterprise, a empresa propietaria dos dereitos do universo de J.R.R. Tolkien. Cando chegará? Aínda haberá que esperar. Os creadores apuntan a 2021 para PC, e para as consolas que dominen o mercado nese momento.

Carsten Fichtelmann, CEO e confundador de Daedalic, falou con VentureBeat recentemente e achegou interesantes datos sobre este futuro título. Conta que será un xogo cunha importante carga narrativa e que pouco terá que ver coas outras obras publicadas esta última década. Iso si, queren manter a liña argumental trazada por Tolkien.

 Gollum é un dos personaxes centrais da obra de Tolkien.

«Imaxina Tomb Raider ou Uncharted sen pelexar tanto. Algunhas das mecánicas están claras: sixilo, rubir, enganar a outros personaxes… Pero unha cousa que tamén é moi importante para nós é facer algo que sexa único», explica Fichtelmann que tamén sinalou nas súas declaracións que é probable que as mecánicas do xogo se afasten substancialmente do típico RPG de acción.

Non é a única obra sobre o universo do Señor dos Aneis que verá a luz ao longo dos próximos anos. Estase a traballar nun MMORPG multiplataform, baixo o paraugas de Atlon Games. Dutra banda, en 2021 tamén verá a luz a serie que Amazon está a preparar sobre os libros de Tolkien e que contará cun orzamento de 1.000 millóns de dólares.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.