Actualidade O terror pixel-art de Lamentum busca axuda para existir

O terror pixel-art de Lamentum busca axuda para existir

Desenvolto por Obscure Tales, estudio madrileño-sevillano, Lamentum defínese como un título de terror cunha bela máscara pixel-art que serve de presentación. Ambientado en Nova Inglaterra durante a época victoriana, estará dispoñible o próximo ano en PC e Linux, PlayStation 4, Xbox One e Nintendo Swtich. Para logralo, preecisa un chisco de axuda.

Obscure Tales só conta con dúas persoas á hora de crear esta obra. Hai apenas uns días iniciou a súa campaña de financiamento a través da plataforma Kickstarter. Reuniu xa máis de 4.000 euros, aínda que agora ten un longo camiño até os 15.000 necesarios. Por diante, pouco máis de vinte días para lograr acadar —ou superar— esa cifra.

Sentes curiosidade? Bótalle unha ollada ao seu vídeo de presentación.

Na pel de Víctor, un mozo aristócrata, viviremos unha viaxe de pesadelo na que non faltarán unhas criaturas saídas do abismo e a escuridade. A nosa misión será achar a cura para unha estraña enfermidade. A última esperanza para poder conseguir este tratamento parece estar nunha escura mansión rexentada por un conde capaz de conceder calquera desexo pero, claro, a que prezo?

Lamtentum toma como punto de referencia aos grandes survival-horror da historia, como Alone in the DarkResident Evil e Silent Hill. Contaremos con diferente armas, obxectos e estratexias á hora de afrontar os combates. Non sempre será esa a mellor idea: un bo agocho pode ser a mellor decisión para seguir vivos. O deseño das criaturas é, como ves, arrepiante.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *