O volcán de Fornite pon fin a unha época

O volcán de Fornite pon fin a unha época

Ao longo do gran evento desta fin de semana programado por Epic Games en Fortnite, os xogadores puideron asistir á destrución dunha das localizacións máis emblemáticas do battle royale. A zona de Picos Picados foi arrasada por completo ao entrar en erupción o volcán que fixo a súa aparición no comezo da oitava tempada. Un evento en directo que congregou a decenas de miles de xogadores e centenares de miles de espectadores.

Ao iniciarse a erupción, todos os xogadores conectados nese momento foron teletransportados ao ceo para poder vivir cos seus ollos o espectáculo de lava e destrución. Picos Picados, ou Tilted Towers na lingua orixinal, é agora un lago de lava. Cidade Comercio e Caserío Colesterol tamén sentiron nos seus cimentos o poder do volcán.

É imposible non ver certo simbolismo na destrución de Picos Picados como o comezo dunha nova época para o título de Epic. Esta zona de edificios volveuse un elemento xeracional e de obrigado coñecemento para todos aqueles que gozan de Fortnite ao ser unha das localizacións con máis acción por partida, sobre todo durante os primeiros compases do éxito do xogo, ademais de ser un sitio habitual para citarse cos rivais coñecidos á hora de decidir quen é mellor xogador.

Nas plataformas de Twitch ou YouTube apíñanse os miles de vídeos de todos os creadores de contido que non quixeron perderse o evento que pon fin á tempada 8 de Fortnite, e que en poucos días presentará o seu novo período (do que nada se sabe aínda).
Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados