Obsidian responde á idea de aumentar o tamaño dos subtítulos de The Outer Worlds

The Outer Worlds, título saído do forno de Obsidian Entertainment esta fin de semana, está a obter unha moi boa resposta por parte da crítica especializada, así como do público. Ora ben, un dos puntos negativos máis repetidos na maioría de recensións sitúase no tamaño dos subtitulos, demasiado pequenos para unha lectura cómoda. Trátase dun feito non só localizado na versión española, senón nas repartidas por todo o mundo.
Alec Frey, un dos máximos responsábeis do videoxogo, confirmou estar ao corrente desta problemática e asegurou a través de Twitter que lle darán a máxima prioridade á hora de realizar futuras correccións. «Agradézovos moito todo este feedback, e é un enorme aforro de tempo para nós», explica.

O tamaño dos textos impide unha lectura cómoda. É un problema que xa se viviu noutros xogos como The Witcher 3 ou GTA V.
A compañía que estivo detrás de Fallout New Vegas non quere ofrecer prazos concretos, pero é moi posíbel que nas próximas semanas corríxa o tamaño duns subtítulos que, certamente, son bastante pequenos. Noutra obra podería ser un aspecto menos importante, pero The Outer Worlds esixe para o seu goce total unha lectura de todos os diálogos, ao estar neles boa parte da historia que temos por coñecer.
Máis aló deste e doutros problemas menores, o título foi lanzado con bastante éxito, recibindo críticas positivas e encomiando a evidente herdanza da franquía Fallout, pero cunha estética renovada e orixinal.