Ocultar o minimapa terá consecuencias nos diálogos de Red Dead Redemption 2

Ocultar o minimapa terá consecuencias nos diálogos de Red Dead Redemption 2

Aquí e alá. Un día e outro día. As novas sobre Rockstar parecen repartirse equitativamente polo mundo. Apenas faltan vinte días para o lanzamento de Red Dead Redemption 2 e a expectación está alcanzando cotas absurdas. Non é para menos. Poderiamos estar ante o xogo de mundo aberto definitivo desta xeración (con perdón de Cyberpunk 2077, do que aínda resta moito por coñecer).

Hoxe, comezou a circular polas redes sociais a tradución dun artigo sobre o título de Rockstar publicado na revista croata Gameplay. Nel explícase un elemento que era xa coñecido: a posibilidade de xogar RDR2 sen ningún tipo de apoio visual na pantalla, cun HUD levado a mínima expresión para aumentar a experiencia cinéfila e de exploración.

Esta opción, voluntaria, era de por si interesante para todo aquel que procure unha aventura máis orgánica. Que desvela entón o artigo croata? Segundo o escrito nas súas liñas, a ocultación do minimapa terá consecuencias directas no xogo. Os diferentes NPCs que habitan o escenario cambiarán as súas conversas para aportar consellos e datos estratéxicos para atopar os puntos de misión que procuremos.

Nese sentido, este experimento de inmersión está sendo xa probado por Assassin’s Creed Odyssey, aínda que dunha maneira máis lixeira. Xogar sen ningún tipo de axuda na pantalla en RDR2 fará que os diálogos teñan aínda maior relevancia, e non poderemos deixar pasar unha palabra por alto para poder atopar o noso destino máis doadamente.

En xeral, as opinións na Rede están recibindo este “modo” de xogo con certa alegría, ante a posibilidade de poder perderse, literalmente, nun mundo que promete ser o máis próximo a realidade dos propostas históricas feitas por un xogo. É certo, que a posibilidade de poder activar ou desactivar o mapa é algo voluntario, o que moitos tamén describen coma algo positivo, xa que non todos os usuarios están dispostos a chegar a ese tipo de inmersión, ou non teñen o tempo necesario para poder gozar dun título desta maneira.

 

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados