Actualidade Ofrecen o reembolso aos usuarios que querían Shenmue III en Steam

Ofrecen o reembolso aos usuarios que querían Shenmue III en Steam

Foi unha das últimas polémicas ao redor da Epic Games Store. Ys Net e Deep Silver afirmaron no E3 que Shenmue III sería exclusivo da tenda de Epic, situación que indignou a boa parte da comunidade de xogadores que desexaban (e así o oficializaron no seu día) a súa copia en Steam tras apoiar o proxecto en Kickstarter. Tras tomar nota das queixas, anunciouse un cambio de dirección na xestión desta crise.

Os usuarios que non estean satisfeitos coa decisión tomada poderán elixir entre diversas vías de reclamación. A primeira consiste en cambiar a edición de Shenmue III, de PC a consolas; a segunda opción sería obter unha segunda clave do xogo para Steam, unha vez remate o seu período de exclusividade coa Epic Store. Por último, haberá unha terceira opción, a da devolución dos cartos. Se o usuario escolle esta vía poderá solicitar o reembolso do diñeiro que investiu no seu día.

Doutra banda, Deep Silver e Ys Net anunciaron tamén que a edición física de Shenmue III para PC non incluirá o videoxogo completo no disco, e unicamente traerá un instalador do cliente da tenda dixital. O titulo estará dispoñible a partires do próximo 19 de novembro en PlayStation 4 e PC.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.