eSports OG fai historia e gaña por segundo ano consecutivo a International de DOTA 2

OG fai historia e gaña por segundo ano consecutivo a International de DOTA 2

Meigallos, profecías ou estatísticas. Sempre feitas para romper e quedar en nada. O torneo máis importante de DOTA 2, The International, esa competición que reparte o maior premio en metálico dos deportes electrónicos —34.295.196 euros— deixou atrás calquera mito: non gañou un equipo asiático, como semellaba que debía tocar; tampouco chegou un Team Secret en estado de graza á final, e, aínda por riba, unha agrupación repetiu, por primeira vez na historia, a fazaña de levar o trofeo. OG triunfou o ano pasado, esmagou nesta edición e fíxoo cos mesmos nomes, os cinco xogadores que hai doce meses tocaron o ceo contra todo prognóstico:  N0tail (25), Ceb (27), ana (19), JerAx (27) e Topson (21).

A International demostrou ser todo un epicentro de emocións. Outra proba de que os deportes electrónicos non son cousa dun día, que isto chegou para quedar e que son unha das capitais do entretemento dixital. O título de Valve rompeu de novo a súa marca en premios e, aínda que como MOBA non goce da mesma importancia que League of Legends, érguese como un espectáculo visual imperdíbel, cunha profundidade exquisita e, dalgún xeito, como un dos xogos máis equilibrados do planeta. As cifras non menten, dos 117 que se poden xogar en DOTA 2, só tres non apareceron neste torneo. Unha barbaridade.

De favoritos ía ser a cousa… e foi

Malia que sempre hai algunha sorpresa, esta edición non contou con ese equipo tapado que chega ou asoma o fuciño de súpeto na final. Os favoritos —Team Secret, OG, Team Liquid, PSG.LGD, Vici Gaming— ocuparon os postos altos da clasificación. Quedou fóra, quizais demasiado cedo, Virtus Pro, que non acaban de atoparse após unha época gloriosa tempo atrás. Avecíñanse cambios na súa formación, de seguro. Os que si deron un golpe na mesa foron os peruanos Infamous, únicos representantes de América do Sur, procedentes país cunha tradición colosal por este MOBA. A agrupación suramericana cumpriu e fixo historia, meteuse entre os oito mellores equipos do mundo e protagonizou algúns momentos de épica maior, con Scofield, Chris Luck, Stinger, Wisper e K1 fiando fino, xogada a xogada.

En nomes, poucas máis sorpresas houbo. Soñaban os chineses con coroar rei do DOTA 2 a un equipo dos seus esta edición que celebraban na súa terra, pero tivéronse que conformar co terceiro posto, após seren desbordados polo bo facer europeo. O vello continente volveu impoñer a súa lei e presenta o maior nivel competitivo de todo o mundo neste videoxogo.

Un duelo para a memoria

Quen sabe cantas veces xogaría o equipo capitaneado por Kuroky contra o de N0tail? Inimigos íntimos dentro do mellor Dota, un triángulo que ben podería rematar na outra aresta Team Secret. Tres conxuntos que volven inventar o xogo cada pouco, que crean meta e esmagan sen contemplacións aos seus rivais, fuxindo das normas establecidas, procurando a maxia, mesmo a fantasía. É certo, non sempre saen vitoriosos, pero cando o fan, o aplauso é unánime.

Eliminado Team Secret da ecuación por Team Liquid, o equipo de Kuroky chegou á final após romper o soño chinés na semifinal. OG polo upper bracket, Liquid polo lower. Dous billetes para un duelo que se antollaba lendario. Primeiro, polo altísimo nivel que os dous demostraran; segundo, porque unha das dúas escuadras repetiría como campioa do mundo, feito nunca antes acadado. Gañaría o mellor de cinco.

Saíron os de Liquid valentes, aguerridos. Impuxeron o seu xogo a un OG descoidado, lonxe do seu lustroso xogo en equipo, tantas veces demostrado. Unha partida que foi de remontada en remontada. Tiñan os do cabalo as de vencer, pero víronse incapaces de lidar cunha Spectre de ana que se volvía cada vez máis forte e aseguraba o seu late game. Chegou esa recta final. Acurralado Liquid, buscou o Roshan e non dubidaron, conseguiu unha teamfight magnífica grazas a un Meepo doutro planeta de W33 e nun acto de enorme intelixencia irromperon na base rival, sen posibilidade de resposta, perante unha Spectre que tardou demasiado en facer uso do buyback. O ancient caía, aínda que quizais OG deixouno caer por mor dun exceso de confianza.

O xigante durmido espertou. Lonxe de volverse tolos, de que os nervios fixesen acto de presenza, os xogadores capitaneados por N0tail mantivéronse fríos e volveron ás cabinas como o equipo que foi todo o torneo. O draft foi exquisito por parte do danés e Liquid sentiuse só como unha sombra do que demostrou no xogo anterior. Incapaz de recuperarse, a derrota foi rápida e indolora grazas ao Monkey King de Topson, personaxe insignia do finlandés. Reiniciábase o marcador co 1-1.

Crecidos os de OG, dominaban na selección de heroes e esmagaban logo no xogo. Liquid non conseguía atopar o xeito de facer dano algún, cun Mind Control moi lonxe da súa forma habitual, con demasiados erros ás súas costas xa. A Enchantress de Ceb converteuse nunha tolemia coa que loitar, mentres que as chronospheres de ana con Faceleess Void quedarán dentro dos arquivos fundamentais de DOTA 2. Pura cátedra. Os verdes necesitaron menos de 25 minutos para anotarse o segundo tanto e pórse a tan soa unha vitoria do trofeo.

Arriscou Liquid no último draft, pero non foi suficiente para conter o estilo imparable de N0tail e compañía. Nin sequera a Windranger de W33, ou un máis secundario neste torneo Miracle-, puideron conter as intencións dun equipo que viña facer historia e que manexaba todos os seus heroes á perfección. Malia que foi máis competido ao comezo, o que ía ser o derradeiro xogo desequilibrouse grazas a ese IO carry  do que OG presumiu ao longo de todo o torneo e co que lle puxeron fin. Unha maneira redonda, case poética, de finalizar a International 2019, debido ao recordatorio que aproxima: en DOTA 2 todo é posíbel; se funciona, é que é válido.

Imaxes: Twitter DOTA 2

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *