Actualidade Oliver e Benji volverán saltar ao campo en PS4, Switch e PC

Oliver e Benji volverán saltar ao campo en PS4, Switch e PC

Bandai Namco Entertainment vén de confirmalo. Captain Tsubasa: Rise of New Champions será un novo simulador de fútbol arcade baseado na mítica franquía xaponesa que aquí é coñecida como Campións ou Oliver e Benji. A obra contará con licenza oficial, por suposto, e sairá ao longo deste ano para PlayStation 4, Switch e PC.

Afeitos a simuladores de fútbol máis realistas ou serios, ver o adianto publicado pola editora pode chegar a ser mesmo cómico, malia que a cullerada de nostalxia tamén é xenial, sobre todo agora que xa se viu o poder de rememorar series da infancia a través de videoxogos, como está a acontecer estes días con Dragon Ball Z: Kakarot. A continuación podes ver o tráiler:

A idea dos seus responsables é xerar unha xogabilidade directa e divertida, aberta a todo tipo de público. Ademais, sábese que haberá diversos modos de xogo, aínda que non se revelaron máis detalles sobre cales serán.

«Conseguir a licenza de Capitán Tsubasa para lanzar un xogo de fútbol no mercado occidental é un soño feito realidade. Captain Tsubasa: Rise of New Champions non é un xogo que se creou pensando unicamente nos amantes do manga, senón que poserá ser gozado polos seareiros do fútbol de todo o mundo«, explica Hervé Hoerdt, vicepresidente sénior de márketing, dixital e contidos de Bandai Namco Entertainment Europa.

Nas vindeiras semanas, a editora xaponesa ofrecerá máis novidades sobre o xogo. O último intento de levar a franquía de Oliver e Benji ao terreo dixital foi con Captain Tsubasa: Dream Team, que viu a luz en dispositivos móbiles a finais do 2017.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.