Zona retro Onde andas Sir Daniel? Vinte anos de Medievil

Onde andas Sir Daniel? Vinte anos de Medievil

Hai dúas décadas, Sony andaba na procura dun novo heroe para a súa PlayStation. Así como Nintendo parecía ter símbolos a esgalla (Mario, Link, Fox McCloud), a consola gris aínda non rematara o ano no que todo cambiaría cara o seu favor, e necesitaba dunha nova franquía, dun novo personaxe que tivera algo que dicir, algo que contar, algo propio.

Lembremos que aquel 1998 foi glorioso: Resident Evil 2, Metal Gear Solid, Spyro, Crash Bandicoot 3, Tenchu, Parasite Eve e… Medievil. Este último título chegou ao mercado un 9 de outubro da man da propia Sony, tanto no seu desenvolvemento coma na súa distribución. O seu protagonista era un esqueleto andante de aspecto pouco favorecido, chosco e sen mandíbula inferior, pero de nome aristocrático, Sir Daniel Fortesque. Hoxe é un dos personaxes máis queridos polos usuarios daquela época. Por que?

Medievil converteuse rapidamente nun éxito de crítica e público. Un vende consolas en si mesmo. Era exclusivo de Sony, por suposto, e contaba cun humor negro de gran enxeño, ademais dun motor gráfico máis que coidado para a época. A propia historia do seu protagonista rompía calquera estereotipo. Sir Daniel era moitas cousas, pero non un gran loitador. Con todo, a súa imaxinación e verborrea fixeron que o rei Peregrino de Gallowmere ficara nel para comandar os seus exércitos. Era un bo traballo, tendo en conta o marabilloso momento de paz que atravesaba o país. Para desgraza de Fortesque, Zarok, o antigo mago da corte, decide declararlle a guerra cun exército de mortos viventes.

Alá foi o noso protagonista. Ao campo de batalla. Disposto a loitar, ou polo menos aparentalo. A primeira frecha da cita bélica acertoulle nun ollo. Morto nada máis comezar. Non era o mellor relato posible, pero era o que había. Ou non? Zarok é derrotado polas forzas locais, que conseguen un vitoria máis que gloriosa. Agora ben, o rei Peregrino non podía permitirse o luxo de admitir que Sir Daniel fora un auténtico fraude coma comandante, polo que permite que o seu papel de impostor continúe e forxa ao seu arredor unha lenda que relatara como fora el quen chegara ata o final da batalla, e que alí perecera, loitando polos habitantes do reino. Os seus restos foron tratados con honores e postos baixo un mausoleo colosal, digno dun heroe. Ata que regresou á vida.

Esa era a premisa inicial de Medievil. Un Sir Daniel que volvía para salvar o seu país dunha nova invasión de Zarok, tendo en conta que fora este mesmo quen o resucitou sen prevelo. O título de Sony tíñao todo: un apartado técnico sobresaínte, unha xogabilidade exquisita e un protagonista que merecía ser lembrado. En total, contaba con 22 niveis diferentes, todos coa súa propia ambientación e singularidades. Non era excesivamente largo, pero era realmente rexogable. Unha experiencia divertida e amable, con moitos inimigos diferentes e sen tempo para aburrir. Encher o cáliz de almas ao cen por cen era un reto co que obtiñamos moi boas recompensas e co que incitaba ao xogador aos enfrontamentos cos monstros.

O xogo de PlayStation mesturaba a acción coas plataformas, e pese a tratarse dun xogo lineal en tódolos sentidos, tamén contaba coa existencia de zonas secretas. Había diferentes armas e Sir Daniel funcionaba como un protagonista perfecto, a cabalo entre o humor e a mágoa, entre o presente e o pasado, un heroe con moito que demostrar.

Medievil foi un bombazo. Triunfou coma poucos outros nun ano no que a competencia, tanto interna coma externa era brutal. Dous anos despois chegou unha segunda parte que herdaba as súas mellores mecánicas e apostada por unhas novas, como poder separar a cabeza do corpo de Sir Daniel e que esta última fora sobre unhas mans verdes inspiradas claramente en Cousa, da Familia Adams.

Medievil 2 avanzaba cincocentos anos no futuro, e o medievo daba paso a unha época máis moderna, con certo aire steampunk, onde Lord Palethorn volvía lanzar o feitizo de Zarok e lograba revivir a todos os mortos de Londres, entre eles ao noso cadavérico amigo, claro. De ser unha vella peza de museo pasa a ter que salvar o mundo de novo. Conseguiuno como non, pero nunca máis foi levantado da súa tumba (a súa presenza en PSP foi anecdótica, igual que a súa participación no Play Station All-Stars Battle Royale).

E o remake para cando?

Se as revisións dos videoxogos foran unha especie de tele realidade, Medievil sería o eterno sinalado. O certo é que durante os últimos anos non son poucos os rumores que circulan arredor do seu regreso neste formato pero ningunha compañía é capaz de confirmar a existenza dun proxecto serio sobre o tema.

A recuperación das triloxías de Crash Bandicoot e Spyro, e o seu éxito (no caso de Spyro, máis que previsible) volveu pór sobre a mesa o soño de que Sir Daniel Fortesque apareza de novo cun lavado visual que permitira que as novas xeracións optaran por xogalo novamente. Dende Sony, o mutismo é total, e a maioría dos fans da saga teñen que conformarse con vídeos feitos por outros seareiros anónimos que estarían encantados dun anuncio que conte con Medievil.

Pode que por outra banda as cousas estean ben así. Ben está o que ben acaba. Respondería ben ao paso do tempo os seus sistemas de xogabilidade? Canto habería que modificar para que hoxe se sinta fresco? E se Sir Daniel está ben como está e non desexa salvar o mundo de novo?

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *