Opinión :: A Sony de Schrödinger

Sony di que non vai ao E3. Que lle dá preguiza. Que ten outros plans e a feira máis importante do mundo do sector (definición a revisar na actualidade tras este feito) non entra dentro da súa axenda. Sorpresa, indignación, opinión, especulación e outro puñado de cousas terminadas en –ón. Hai que sacar a bóla de cristal e prognosticar. Que carallo fará Sony?
Distinguir o futuro ten os seus riscos. Comprobeino o día que me mandaron cubrir un pleno no concello de Sanxenxo. Alí nada ía pasar, díxome o meu xefe, pero acabou o chollo cun pacto de goberno roto e con Telmo Martín recuperando a alcaldía aos poucos días. E eu alí, preguntando que que pasaba, que alí fora en calidade de substituto dun compañeiro. A miña vida.
Aquela tarde deime de conta dunha cousa: as bólas de cristal serven para ben pouco. Un pode supoñer. Pode. Vai? Sony non vai ao E3 porque non ten títulos novos que ensinar. Non quere competencia de ningunha clase. O ano pasado gañou sobradamente e pasa de baixar o listón este ano. Vai anunciar Play Station 5 e a nova Xbox podería facerlle sombra. É a proba irrefutable de que esta xeración de consolas rematou. Quere achandar terreo para no 2020 ir con todo… Etcétera.
Todo isto podería ser verdade. E todo podería ser falso. É a Sony de Schrödinger. Dentro das súas oficinas centrais hoxe todo está a ocorrer á vez. Ao mesmo tempo. E o resto do mundo observamos o edificio por fóra, imaxinando, soñando e bailando ao redor. Non ten nada de malo.
Da onda sísmica do anuncio elixo o interrogante. E se Sony non volve ao E3? Sabemos que non acudirá esta edición, pero… E se non volve nunca? Que prohibe ao resto de compañías facer o mesmo? Que lle impide a Microsoft monopolizar a feira dos Ángeles? Que perde o público? Que gana?
Hai anos, o E3 era como unha especie de mina do tesouro. Era a gran fonte de información anual. Un aluvión de ideas que as revistas especializadas materializaban en artigos e reportaxes ao longo de todo un ano, non nunha semana, e moito menos non nun directo por Twitch. A inmediatez da tecnoloxía, do acceso ás notas de prensa diarias, de Twitter, de executivos achegando novos datos ao longo de todo o curso a través de Instagram conseguiu unha cousa: que o E3 sexa un escaparate chulo, pero non o único.
Hai outras citas, hai outras vías de comunicación, hai miles de medios aos que falar, mandar un correo e ser o protagonista esa tarde, ou esa semana do ano. Sony sábeo. Esta non é unha decisión tomada no recreo da oficina. A compañía ten un plan e unha balanza de precisión e os números marcáronlles un resultado: a feira dos Ángeles pesa menos que o que Sony poida facer, emitir, montar, mostrar ou difundir. É así? Non tardaremos en comprobalo.