Opinión Opinión :: Animal Crossing e a maxia de sentirse aceptado

Opinión :: Animal Crossing e a maxia de sentirse aceptado

Perante a inminente chegada do novo título de Nintendo, volve xurdir a dúbida obvia: por que gusta Animal Crossing? Dende un punto externo e alleo ao fenómeno, a pregunta é comprensible: estamos ante un simulador de vida con menores capacidade que Os Sims, un xogo de xestión moito menos elaborado que Cities: Skylines, unha carga narrativa que nin se achega a xogos como The Last of Us e un mundo ‘aberto’ de construción moito máis modesto que Minecraft. Con tantos competidores, onde reside a maxia de Animal Crossing? Que é o que o fai tan especial?

O pasado 20 de febreiro, miles de persas mordíanse as unllas diante dunha pantalla agardando detalles do novo capítulo. Oxalá poder observar dende lonxe tal fanatismo e enfocalo dende unha posición neutral, pero debo admitir que eu pertenzo —e con moito orgullo— a ese grupo de fanáticos aldeáns. Esta histeria colectiva, compartida por miles de persoas en todo o mundo, é onde se esconde o segredo mellor gardado deste xogo: a súa comunidade. E non me refiro aos simpáticos animais cacholáns de cada pobo, non, refírome ás persoas que xogan, que crean, que cazan bichos, que pescan, que decoran a súa casa. Eles e elas son a verdadeira maxia deste título.

Un pobo onde cabe todo o mundo

Negar que a industria do videoxogo segue a padecer o machismo é un feito atrevido. Dende logo que avanzamos moito, pero aínda hai numerosos pasos que dar para que este hobby sexa un lugar aberto para calquera. De feito, Animal Crossing ten unha especial relación coas xogadoras femininas. E non, non é porque ás mulleres lles atraia máis un gameplay casual e unha estética kawaii. Por suposto, a intención de Nintendo era apelar a este tipo de público, pero creo que a explicación vai máis alá dun simple factor de marketing. Moitos xogos que apelan ao público masculino teñen xogadoras e viceversa. Animal Crossing triunfa entre o xénero feminino non porque sexa un xogo para mulleres, senón porque é un xogo que non as rexeita. Por suposto que hai mulleres xogadoras de Call of Duty, League of Legends ou God of War, pero as comunidades que rodean estes títulos poden ser crueis, e a barreira de entrada é moi complicada —máis aínda se estamos a falar dunha muller nun entorno en liña.

Resultado de imagen de animal crossing new horizons

A comunidade de Animal Crossing é famosa por celebrar toda a información que chega sobre o novo título

Emporiso, a comunidade de Animal Crossing é unha utopía dentro desta industria. O seus fans ansían outro título, pero non o esixen, non crean campañas de boicot, non desprezan aos novos xogadores, encomian os cambios e melloras, e miran cunha amabilidade inusitada a todo o que rodea o xogo. Non creo que sexa correcto cualificalos de conformistas, pero si teñen algo que se bota moito de menos noutras comunidades: ilusión. Outro dos colectivos que se senten protexidos polo título é o LGTBI, e é porque Animal Crossing apoia a neutralidade de xénero, algo que comeza a repetirse en outros títulos como o recente Temtem. Pero a aceptación non é so fóra do xogo, tamén ocorre dentro. Todo o gameplay é sinxelo pero adaptable. Podes dedicarte a pasear polo pobo ou participar nun duro torneo de pesca onde porás a proba a túa precisión, habilidade e paciencia. Animal Crossing atrae o xogador casual pero non deixa de lado o hardcore. Sabe que pode satisfacer os dous perfís e crea unha mestura ideal, un entorno que atrae e que non expulsa.

É máis, este enfoque na xogabilidade nunca deixa de ser fresco. Lonxe de grandes batallas, trepidantes escenas de acción, esixentes retos ou competitividade en liña; Animal Crossing ofrece tarefas mundanas, un ritmo tranquilo, música relaxante e unha experiencia de xogo que reproduce un fogar agradable, ao que acudir repetidas veces, que vive e evoluciona sen nós, pero que nos bota de menos.

Novos horizontes

O novo subtítulo desta última entrega é New Horizons, sen dúbida máis simbólico do que pode parecer. Por fin podemos elixir a cor da pel do noso aldeán, e foron engadidas referencias a culturas antes agochadas na saga, como a mexicana. A comunidade do xogo é aberta porque o propio xogo é aberto. Dende o xénero, a cor da pel, a dificultade, o obxectivo e até a idade. Sexas quen sexas, podes ser un aldeán. Simples xestos, dende que os teus veciños te lembren e lamenten que leves tempo sen xogar, até a divertida reprimenda de Rese T. Ado cando esquecemos gardar; recórdannos que somos un máis, que importamos, que a nosa presencia é relevante.

Por suposto todo isto ten una repercusión no entorno onde habita esta comunidade. A industria do videoxogo retroaliméntase dos seus consumidores e as súas actitudes. Antes preferíase lanzar un xogo en condicións desastrosas –aínda teño a espina cravada por o que puido ser e o que foi Assassin’s Creed: Unity–; e agora as empresas atrévense a anunciar retrasos se son necesarios. Xa non se teme á resposta do fan, e iso é gracias aos recentes relatos sobre o crunch e a explotación laboral, que crearon unha necesaria sensación de empatía entre a comunidade e o traballador. A comunidade de xogadores evoluciona, e con ela tamén os videoxogos e a súa contorna.

Imagen

Fan-art realizado pola artista @popztoz en Twitter

Un xogo que sempre se relaciona co público masculino pola súa grande cantidade de violencia e acción frenética é Doom. Non desvelamos ningunha sorpresa se indicamos que tamén hai mulleres que xoga a Doom e homes que xogan a Animal Crossing, pero por culpa dos valores impostos pola sociedade, ás veces non somos capaces de velo. Sen embargo, o destino quixo que o novo título de Nintendo saíse á venda o mesmo día que Doom Eternal, a nova entrega da saga. En redes sociais viviuse unha relación entre as dúas comunidades que poucas veces se vira na industria. Os dous grupos de fans comezaron a romper os estereotipos dos xogadores de cada saga, compartiron bromas, memes, fan-arts e comentarios que comparte a ilusión por xogar. Unha destas bromas máis frecuentes é a de mostrar o fornido e musculoso protagonista de Doom, Dommslayer, comprando nunha tenda o título de Nintendo; e a Canela —personaxe moi popular de AC—, facendo o mesmo, pero cunha copia de Doom Eternal.

Un fenómeno social que chegou a provocar que a conta oficial de Doom preguntara en Twitter se Canela —Isabelle en inglés—, aparecerá en New Horizons. Pode parecer poca cousa, pero é un achegamento entre dous comunidades que demostra que todas as persoas poden convivir na industria, e que mesmo un só xogador pode ter gustos tan diversos. Ao mundo dos videoxogos fanlle falta máis Animal Crossing que mostren de cando en vez o bo desta paixón. Xa sexa cazando demos a ritmo de heavy metal ou regando flores cun suave piano de fondo. Está claro que demos un paso máis para que todo o mundo se sinta benvido e aceptado nesta illa que son os videoxogos.