Opinión :: Epic Store VS Steam, dinamismo contra inmobilismo

Se algo puidemos notar nos últimos Game Awards é que a tenda de Epic está para quedarse. Cando lin a nova de que Epic ía sacar unha tenda, serei franco, pensei que non ía pasar dunha anécdota, un “algo hai que facer con esta inxente cantidade de cartos que temos, porque xa non temos sitio onde enterrala”, pero, ó igual que pasou cando sacaron o battle royale no Fornite, trabuqueime con eles. Están ensinándonos no último ano que son capaces de coller unha boa idea e remodelala para que sexa aínda mellor, ou máis atractiva polo menos.
A idea non é mala: aproveitar o tráfico de xente que pasa pola aplicación tódolos días para xogar ao videoxogo de máis éxito do último ano, e así anunciar e vender xogos cunha política de repartición xusta, puidendo ser un bo escaparate para os creadores. Xusto na semana que Steam anunciaba que ía facer máis ricos aos ricos, nun xesto case á desesperada para que non marchen máis ”baleas” da súa tenda, Epic dáballe a volta e dicía que, ganes o que ganes, o 88 % vai ser teu. Non só iso. Ademais, se usas o seu motor gráfico aforrarás os royalties, xa que nunca baixarás dese 88 % de beneficios. Simplemente, olé.
E que pasa con Steam? Todos preguntamos o mesmo. Cal será a súa resposta. Se farán algo ou intentarán que pase a marea sen case mollarlles os pés. Steam leva na cúspide, cun case monopolio indiscutible, tanto tempo que lle ocorre o mesmo que, por exemplo, a certa páxina de vídeos: as decisións que toma non teñen sentido, as que ten que tomar non as toma e é demasiado lenta para reaccionar a calquera cousa que lle ocorra. É demasiado grande, por dicilo así.
O truco que garda Steam é a fidelidade é a comodidade dos propios usuarios: temos que ter unha aplicación para xogar o FIFA, outra para xogar o Assassin’s, outra para o Call of Duty de turno… e iso non é divertido, pero grazas a Gabe o resto o temos todo recollidiño nun sitio, onde xa temos unha inxente cantidade de xogos na Biblioteca, cun gran catálogo de xogos novos e vellos, que sabemos que os nosos amigos vana ter si ou si.
A resposta de Epic a todo isto é invitar aos usuarios a visitar a súa tenda e comprobar como son donos dunha atención ao cliente que levo anos sen ver na “competencia”. Para que visites a tenda, aparte do Fornite, danche un agasallo, un xogo cada dúas semanas. E xa que estás alí para ver que ofrecen, maloserá que non veas algo do que goces. Ti vai ollando.
Na atención o usuario refírome, por exemplo, o problema que houbo coas devolucións nos primeiros días de apertura. Indicaban, e indican, que, dentro dos catorce primeiros días podemos devolver o xogo sen problemas, pero na hora da verdade os requisitos que pedían (IPs usadas na conta, data da creación da conta de Epic, día do último Login, nome das contas asociadas…) eran pasos demasiado pesados na maioría dos casos para que alguén se pensara sequera en devolvelo, e a xente obviamente protestou. En canto repararon no problema, arranxárono. Agora hai que abrirlles un tícket solicitando o reembolso e responderlle o correo electrónico que envían automaticamente co número de pedido. En 24 horas está devolto, comprobado por min mesmo. Detectaron un erro na execución e traballaron para solucionalo. Limpo, sinxelo, e sobre todo, rápido.
Penso que aí pode radicar a diferenza entre as dúas tendas: nese dinamismo contra o inmobilismo; o novo contra o vello; as ganas de facelo todo ben contra o “xa se acostumarán”; na atención ao detalle contra a falta desa atención; nestas cousas molestas que nun sitio pasarían de largo e que noutro páranse a pensar que é o que falla e como se pode facer mellor. Nese traballo ten moito que ver Sergey Galyonkin, o creador de Steam Spy, a ferramenta ca cal podiamos ver como funcionaban os xogo no mercado e que foi pechada cunha actualización de Steam que facía as librarías privadas por defecto, o que deixou sen base de datos a esta páxina. Sergey comprobou que era o que fallaba en Steam, que era o que molestaba os editores e meteu a man de cheo para darlles solucións. Liberan ós creadores da toxicidade de certos sitios da comunidade e facilitan que os usuarios poidan avisar directamente cando atopen un erro mediante un tícket. Listo. Haberá que ver cando leven tempo funcionando se realmente os estudios que desenvolven videoxogos non teñen problemas para atopar eses tíckets ou se reciben ben o feedback.
A situación de Steam non é sinxela. As grandes editoras xa teñen a súa propia aplicación e non precisan dela. Os indies están enfadados polas últimas políticas ao verse menospreciados, inclusive algúns xa anunciaron que retrasaban ou cancelaban o proxecto en Steam para irse a Epic. Pero o certo é que tamén ten moito gañado por Valve nestes anos. A xente ten moitísimoss xogos dentro dos seus servidores e a forza do costume é moi forte.
Veremos como sigue esta contenda, e se Epic consigue traer algunha compañía forte en exclusiva para a súa tenda. Neste momento non o creo, pero xa me trabuquei antes con eles.
Artigo enviado por Óscar Cerqueira
[…] PC máis importante do planeta. Un trono que mantén de maneira cómoda ano tras ano, aínda que este 2018 chegaron novos competidores como a Epic Games Store, que aumentará a competencia drasticamente no devandito […]
[…] PC máis importante do planeta. Un trono que mantén de maneira cómoda ano tras ano, aínda que este 2018 chegaron novos competidores como a Epic Games Store, que aumentará a competencia drasticamente no devandito […]
[…] a finais do ano pasado escribín un artigo sobre a Epic Store todo parecía ser marabilloso: unha nova tenda abría os seus brazos para que o mundo do PC tivese […]