Opinión Opinión :: Non avanzamos nadiña

Opinión :: Non avanzamos nadiña

Doe, literalmente, comprobar como hai cousas que non cambian. Non porque estas non queiran cambiar, ou non deban, senón porque hai xente que non quere cambialas. Cando hai vinte anos un individuo lograba saír en televisión e conseguía identificar todos os males do mundo cos videoxogos, xa un, aínda sendo un neno, lamentábase, pero tamén pensaba: “nuns anos todo isto será cousa de risa”. Que erro. Que pouca risa.

Durante moito tempo pensei que algún día a prensa xeneralista trataría de entender ao videoxogo, pero non quixo facelo. Só así podería entenderse que durante a emisión dun programa (min 30.18), no ano 2019, exhíbanse titulares e frases como “GTA e Fortnite deberían prohibirse”, “Os psicólogos consideran que se deberían prohibir” (todos os psicólogos do mundo? Dous? Tres?), “No GTA gaña o que máis prostitutas mata”, “Hai xogos bos”.

É un muro infranqueábel. Un muro tan alto e tan duro que un acaba por emprendela a cabezazos con el. Á desesperada. É unha loita de David contra Goliat. Unha parte busca a dignificación dunha industria florecente, viva; situar ao videoxogo como unha forma de expresión cultural rica, entrañable. A outra, simplemente non quere escoitar. Non é que non queira aprender, é que non quixo nunca. Por iso, a maioría de veces, as seccións dedicadas a videoxogos continúan situadas nas pestanas de Tecnoloxía e non de Cultura. Son eses detalles os que non debemos pasar por alto.

É unha especie do día da marmota elevado á enésima potencia. Un día no que un trata de apuntar o interese cultural dun título, a capacidade de conmover e sorprender de GRIS, por exemplo, para logo seguir escribindo da enorme cantidade de capital que manexan os deportes electrónicos, dos miles de postos de traballo que xera a industria do videoxogo, da posibilidade de ser máis libres a través dun mando… E ao final do día, en cama, un acende o televisor e o titular sempre é o mesmo: “sodes uns frikis, habería que prohibirvos”. Non avanzamos nadiña.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.