Opinión Opinión | O día da marmota

Opinión | O día da marmota

Na práctica do xornalismo, o profesional tende a tratar de resolver certas incógnitas que aparecen ante si. É un proceso básico. Cando se produce un suceso, o xornalista recorre a elas case coma un paradigma: que pasou, onde pasou, cando pasou, como pasou, quen esta implicado e por que pasou.

Esta última cuestión é a máis difícil de todo o exame laboral. As veces, demasiadas, nin sequera hai unha resposta. Para ben, e sobre todo para mal, as cousas en ocasións suceden. Sobre todo se entra en xogo ese impulso non racional no que tanto lle gusta caer ao ser humano.

David Katz era un xogador profesional de Madden NFL, o simulador de fútbol americano máis famoso do mundo. Parecía un tipo de xesto serio, inexpresivo case. Hai apenas uns días mataba a dúas persoas e fería a once máis. Logo, decidiu suicidarse no restaurante no que se celebrara unha eliminatoria rexional que el xa se perdera. A pistola semiautomática que usou nesta traxedia foi comprada legalmente.

É ese o porqué? Un mal perder basta para facer unha masacre? Soa tan duro e tan real que nun principio non chega a encher ese tubo de medición imaxinario no que xustificamos as razóns dun crime.

Logo de producirse o tiroteo, a Rede fixo o seu traballo habitual, levar a información ao resto do mundo. Non importa demasiado a veracidade desta, o importante é que o faga rápido. Varios medios publicaron a noticia acompañada dunha imaxe de arquivo dalgún torneo de CS:GO. Era demasiado obvio: se o tipo usou unha pistola, debe ser por culpa de tirarse horas disparando nunha pantalla. “Cae de caixón”, pensaron.

Por desgraza para a industria do videoxogo, os medios xeralistas non acertaron. Por enésima vez volta a pórse sobre a mesa o eterno debate: se xogas a títulos violentos, es un asasino en potencia. Coma un día da marmota que se repite sen motivo aparente e, de novo, diferentes firmas voltan tratar de defender a importancia cultural do videoxogo, a súa influencia xusta no individuo, a lembrar que hai más incidentes en campos de fútbol que en torneos de eSports… Pero non chega, porque agora o Madden NFL xa é un xogo de tiros. E así será sempre para moitos.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados
Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *