Opinión :: Por que xa non pirateo?
«War… war never changes». É esta unha das frases máis famosas do mundo dos videoxogos, e se hai algo que non muda no Universo dos Videoxogos é o debate sobre a piratería.
Os que medramos coa PlayStation 1 ben sabiamos de que, dun xeito case máxico no noso infantil maxín, podías chipear a consola e conseguir que correra todos os xogos que puideses imaxinar —noutro momento falaremos se a facilidade que tiña a PlayStation orixinal en ser pirateada era a mantenta para facer base de usuarios ou non—. Foi así como eu, e tantos outros, descubrimos xogos e xéneros que de outro xeito non teriamos forma.
A partir da sexta xeración isto complicouse en consolas, salvo con certa consola branca de Nintendo, mais no mundo do PC a historia era ben distinta. Con Internet de alta velocidade e certos grupos de xogadores aliándos, deu comezo un xogo do gato e do rato entre estes xogadores intentando romper o software, namentres as compañías defendíanse como podían, o que ocasionou varios costumes perniciosos para a comunidade peceira: que algúns títulos perigaran para PC, que nos acostumaramos a que estes saíran máis tarde que en Consolas e que as compañías comezaran a usar métodos máis agresivos para impedir as practicas dos piratas. Por exemplo? Os xeradores de chaves ou os códigos no manual. Co tempo, dos obxectos que viñan na caixa pasamos ao DRM, método antipiratería actual non alleo á polémica.
Nesta encrucillada estabamos cando as cousas comezaron, aos poucos, a mudar. Por que motivos xa non se piratea tanto como antes? Ben, vouvos por en situación e a falar da miña propia experiencia.
DRM/Denuvo
Denuvo é o DRM máis famoso no mundo dos videoxogos e, aínda que pode prexudicar aos lexítimos usuarios do xogo, si que permitiu que baixaran as descargas pola sinxela cuestión do tempo. Poden pasar meses até que sexan capaces de romper a seguridade do xogo e pode que non queiras agardar tanto para poder xogalo, ou que directamente quedes sen xogalo se non son capaces de rompelo. Pero, como dicía, Denuvo pode ocasionar unha baixada de rendemento tal pola súa forma de proceder —xera unha clave única para cada usuario dependendo do equipo que teña montado e utiliza esa clave para encriptar e desencriptar os datos— que pode facer inxogable o título.
Todos lembramos as saídas problemáticas de Diablo III ou do SimCity pola súa conexión permanente á Rede, ou os problemas de rendemento de xogos como Assassin’s Creed Origins ou Mass Effect Andromeda. Problemas só para os xogadores que pagaban xa que os que directamente descargaban o xogo non sufrían ningún contratempo. É dicir, para intentar golpear aos xogadores que non querían pasar por caixa, castigabas só aos que si pagaban. Até tal punto foi a historia que plataformas como GoG venden como un reclamo a exclusión de DRM na súa plataforma.
Seguridade
Cando ti pirateas un xogo —ou calquera software— estás baixando un arquivo modificado por un estraño ao que lle estás dando acceso ao teu equipo practicamente sen contraportas e do que non sabes se a súa intención é simplemente compartir o seu saber ou se ten algunha intención oculta. De confianza vai a cousa.
Conciencia
Igual que ninguén te obriga a non ter o bloqueador de publicidade en Youtube salvo ti mesmo porque queres que eses creadores se beneficien ca túa visita, ninguén te obriga a que merques o xogo —lembremos que en España descargar os xogos non é ilegal, o que é ilegal é facer negocio con iso—. Ben é certo que é moral que cadaquén cobre polo seu traballo, con especial fincapé nos estudios pequenos.
Continuación da saga
Se un xogo non vende como se agardaba pode ser que decidan non facer unha secuela e que o conto remate nese título, ou que non se dobre a determinado idioma xa que non lles merece a pena economicamente falando.
Comodidade
Se plataformas como Google Stadia, ou mesmo mercar un xogo en dixital, teñen o seu oco é porque son o xeito máis sinxelo de xogar. Non tes que descargar o xogo, comprobar que é o arquivo correcto, descargar o crack, volver a descargalo porque ese no ía, buscar un parche que arranxe os erros…
Necesidade
Gracias ás ofertas de Steam, os bundles e , sobre todo, ao Game Pass temos a nosa disposición unha amplísima variedade de xogos a un prezo moi reducido. Non entro a valorar cuestións persoais, pero sabes que se agardas uns meses vas ter ese xogo que desexas máis barato. É a contrapartida de cultura do hype, o que saíu hai un mes xa é vello e temos que promocionalo para que a seguinte novidade non lle quite oco.
Afondemos agora na zona gris da cuestión. Que ocorre cos revendedores de chaves? Para comezar hai que diferenciar entre revendedores oficiais, isto é, con autorización da desenvolvedora do xogo para vender na súa páxina (Humble Bundle) dos que non teñen ese permiso (G2A). Pero de onde sacan os códigos? Poden obtelos de diferentes xeitos: poden mercalos noutras rexións onde o xogo está máis barato, pero isto directamente prexudica a localización de xogos.
Como dicía antes, cando miren as ventas do xogo non serán as reais e pode que o deixen sen dobrar ou sen traducir no futuro. Tamén poden mercalos ao por maior para que lle fagan desconto como se dunha tenda maiorista se tratase. Poden conseguilos directamente do estudio como chave de prensa enviado aos medios ou a streamers, o cal é eticamente moi reprobable e, por último e con diferencia o peor xeito, poden ser códigos mercados con tarxetas de crédito roubadas. Isto fai que a compra se cancele e que o estudio teña que devolver os cartos e pagar unha comisión polo trámite, co que acaba perdendo cartos na transacción. Cando en G2A venden un «escudo» para protexerte disto é que xa teñen conciencia do que está a acontecer pero págalles a pena gañar polas dúas partes que facer as cousas ben. G2A está a intentar mudar isto pero obriga a que todo o esforzo recaia nos creadores.
Para min, e semella que tamén para varios estudios, fai máis dano á Industria mercar un código en G2A e semellantes que directamente piratealo, porque ti cando pirateas un xogo, e ese xogo acaba por gustar, podes decidir mercalo —eu pirateei hai anos o primeiro The Witcher e merqueino hai pouco, aínda que probablemente non o xogue máis, após de mercar o 2 e o 3—. Pero cando mercas un código, ti «xa estás a pagar» por ese xogo, xa queda activado na plataforma dixital propietaria e non podes volver pagar por el. Tamén, para moita xente, aínda que pagues menos por el, xa pagaches, xa cumpriches a túa parte como consumidor.
Que é máis ético? Non mercar ningún xogo neste tipo de tendas, mercar só os Triple A, mercar todos? Cadaquén deberá decidir o seu. Pola miña parte, sobre todo si son xogos feitos por estudios pequenos, prefiro agardar a poder mercalo co tempo que descargar software dubidoso no meu PC ou mesmo mercalo dun xeito que non reporte nin reportará beneficios ao creador.
Neste senso cadaquén, coma na guerra, debe escoller un bando.