Opinión | Virse arriba

Opinión | Virse arriba

Ocorre  que cando algo parece feito, cando un xa se ve gañador, que a emoción ocupa os mandos de control do cerebro. É normal. Ocorre moito. En tódolos sitios. Normalmente, é o que definimos popularmente como virse arriba. Pode estar ben porque un deixa de percibir certas nocións de realidade e actúa sen medo, sen vergoña e sen pensar. Pero tamén ten moito de nefasto porque precisamente esa desconexión co mundo leva a pensar que o que un está dicindo é algo entrañable pero, a verdade, cruel, é que é unha auténtica parvada.

Os directivos de Rockstar deben estar emocionados. Non é para menos. Se nada o impide, Red Dead Redemption 2 chegará ás tendas en apenas dez días e arrasará co mercado. Sería moi difícil atoparse outra situación. A prensa ditou sentenza: o novo título da saga aspira a ser o xogo da década. Por iso, non é de estrañar que Dan Houster, cofundador do estudio estadounidense, tentara virse arriba. Fíxoo.

Nunha entrevista publicada por Vulture, Houser explica que algúns membros do equipo creativo chegaron a traballar 100 horas semanais para poder acabar o proxecto a tempo. Non foi así sempre, claro. O cofundador de Rockstar centra estas xornadas intensivas durante a reescritura de guión e a remodelación de elementos. Vendeuno como algo de interese para o mundo, como unha alegoría sobre o traballo duro e o esforzo, claro que esqueceu unha cousa: a explotación non está ben vista neste século.

Traballar cen horas nunha semana supón traballar catorce horas ao día se asumimos que fala de días naturais e non laborais. Se dividimos o centenar entre seis ou cinco saen dezaseis horas para a primeira opción e vinte para a segunda. Onte, cando tirei para a cama, o día seguía tendo vinte e catro horas. Houser confesou abertamente que nalgúns momentos os seus traballadores foron explotados. Viuse arriba.

Non importa que alguén queira desculpar ou quitar ferro a esa declaración. Tampouco se foi un episodio temporal, ou se era un réxime de traballo voluntario e non obrigatorio. Non o sei. E, persoalmente, non me importa. Unha empresa coma Rockstar non pode difundir aos catro ventos que tivo aos seus traballadores pechados nas súas oficinas entre 14 e 20 horas ao día durante unha semana. Non pode porque, coma unha das xoias da coroa do sector do videoxogo que é, debería ter a mínima ética de dar exemplo.

Evitarei falar de calquera comentario que hoxe aparecía por Twitter do tipo: “seguro que o fixeron con gusto porque é un xogazo”. Aínda non coñezo a ninguén deste mundo que queira traballar cen horas nunha semana para unha compañía deste tamaño porque hai que acabar o produto. Haberá de todo, coma sempre, pero a explotación non se aplaude nin se premia. Critícase.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
    • skaltum
    • En: 16 de Outubro de 2018

    Ben falado

    • Inés
    • En: 16 de Outubro de 2018

    A ver, eu penso que é máis complicado ca eso. O director só dixo que el e algúns dos outros directivos (ou esta xente que máis manda según entendín) quedaron máis tempo nas últimas semanas pola emoción presupoño. Eu cando me emociono cun traballo dedícolle moitísimo tempo como supoño que fará calquera.

    Non xustifico a explotación, pero se alguén quixo quedar traballando pola emoción de deixar o seu traballo ben feito e de verdade non foi obligado nin condicionado de ningunha maneira eu non vexo nada malo. Tamén hai moitos traballos nos que a xente leva o choio para casa e se se contasen esas horas pasaríase ampliamente das oito diarias.

    Insisto, non xustifico a explotación e de veras espero que o xogo non teña ese “background” negativo, decepcionaríame, así que prefiro pensar que falaban deles mesmos e do seu afán por demostrar o emocionados que están coa saída do xogo.

    Por todo o demais, moi bo artigo 🙂

      • Carlos Pereiro
      • En: 16 de Outubro de 2018

      O problema é que Rockstar xa tivera problemas neste eido no pasado.

      Durante a creación de GTA V, familiares dos traballadores chegaron a enviar cartas á compañía para que deixaran máis tempo libre aos seus e poder conciliar dunha maneira normal.

      Onte a noite, no noso Twitter (@MorcegoRevista) colgamos tres fotos cunha ampliación da declaración deste cofundador, onde, si, explicaba que só fora un grupo reducido, el máis outros colegas.

      Entendo o que me dis, todos temos traballado máis horas das debidas nun proxecto que gusta (e se o proxecto é un mesmo, pouco se pode dicir), pero hai que coller sempre con pinzas todos os asuntos de horas extra / sesións máis longas do normal. Onte falamos de Rockstar, e pode que o aclararan un chisco, pero a explotación laboral na industria dos videoxogos está á orde do día.