Os aeroportos galegos tamén estarán presentes no novo Microsoft Flight Simulator
Asobo Studio e Xbox Game Studios continúan traballando na nova entrega de Microsoft Flight Simulator. O título de simulación aspira a ser o máis completo da súa clase e poñerá o mundo, literalmente, baixo os nosos pés. Os seus responsábeis anunciaron que «todos os aeroportos do mundo» serán incluídos nel. Así, Alvedro, Lavacolla e Peinador poderán ser visitados polos xogadores.
A través dun novo vídeo publicado pola canle oficial do simulador, Sven Mestas, deseñador do xogo, ofrece un relato sobre como están a levar a cabo esta tarefa de identificación e creación.
En total, poderán ser visitados 37.000 aeroportos, todos eles editados de xeito manual polos desenvolvedores. Son 13.000 terminais máis das que aparecían no Microsoft Flight Simulator X de 2006. No vídeo de mostra poden ser vistos o John F. Kennedy International Airport e o Aspen Pitkin County Airport.
Como fixeron posible este engadido titánico? A través dun proceso de tres pasos e dunha ferramenta creada en exclusiva para este traballo. Nun primeiro plano rastréxanse elementos a partir do mapa aéreo que ofrece Bing —da que Microsoft é dona—, para logo debuxar o perímetro do aeroporto, as súas pistas e as zonas de aparcamento segundo a información que reciben dos aeroportos. Despois, os deseñadores definen as superficies e o postprocesado realízase de maneira automática mediante un algoritmo.
Nun dos primeiros vídeos do simulador Vigo aparecía como unha das cidades que podían ser olladas desde o ceo. Hai uns poucos meses, o Euro Track Simulator 2 tamén usaba de portada a ponte de Rande para o anuncio da expansión Iberia.