Reportaxes Os cancodrilos :: Xogando entre dinosauros

Os cancodrilos :: Xogando entre dinosauros

Vaia xa de entrada unha recomendación destas bonitas, cara a un medio irmán como é A Que Cheira Papá? e o seu falangullo Baleiro Perfecto. Motivo? O asalto que fixeron —fixemos, que un tamén ten vida fóra desta cova— sobre eses animais que viviron hai millóns de anos sobre a Terra, amais do seu papel nas ficcións contemporáneas e mesmo nos mitos e historias do pasado.

A cuestión é que se ben aquí o foco estará posto no videoxogo dun xeito principal e case total, pode ser interesante partir desa base ben debullada no nomeado programa radiofónico, analizando e lembrando o fenómeno dos dinosauros como un prisma de varias caras e arestas que de seguro nalgún momento tivemos nas nosas mans.

Os dinosauros son unha fonte de inspiración máis que relevante nas ficcións. O videoxogo, que non é alleo a este asunto, tamén foi quen de trasladar ou revivir dalgún xeito estas criaturas entre píxeles e polígonos. E, por suposto, facelo de xeitos antagónicos. Desde eses réptiles terríbeis e enormes, con fame, violentos e carnívoros; até seres amigábeis e amábeis, compañeiros de aventuras. É simple poñer exemplos: os raptores de Dino Crisis (1999) VS. o lendario Yoshi de Super Mario World (1990).

Yoshi, o dinosauro que papaba case de todo.

O que está claro e no que pouca dúbida hai é que os dinosauros forman parte dese conglomerado heteroxéneo de sabedoría popular que na maioría dos casos de pouco nos serve, mais é belo e fai que as cousas teñan mellor sabor tal e como dicía Cunqueiro. Así, non é estraño ter un coñecemento, sobre todo en épocas infantís ou na mocidade ter un coñecemento absurdo sobre os dinosauros e os diferentes animais extintos que habitaron o planeta no pasado.

Tiranousauro Rex, Velociraptor, Espinosauro, Gallimimo, Triceraptos… coñecemos unha chea de animais que só vimos en recreacións, debuxos ou películas e, como non, nos videoxogos. O medio do pixel coñece e sabe do potencial destas belas bestas que unha vez dominaron o planeta, por iso a súa representación no videoxogo atende, polo xeral, a unha posición popular, que bebe en boa medida do fenómeno dino provocado pola estrea de Jurassic Park aló polo ano 93.

Porén, sería un erro pensar que non había xa dinosauros con anterioridade no medio, e mesmo sería un erro aínda maior pensar que os dinosauros non levaban xa décadas na moda no imaxinario popular. A fin de contas, clásicos como The Lost World (1912) do escritor escocés Arthur Conan Doyle datan de principios do século XX, e mesmo a película de Spielberg ten como referencia a novela homónima de Michael Crichton do ano 1990. E, xa entrando en materia pixelada, o cómic Xenozoic Tales (1986), creado por Mark Schultz e ambientando nun futuro postapocalíptico, é a base para un mito no medio como é Cadillac and Dinosaurs (1993), o título arcade de Capcom, amais de figuras de acción, cromos, caramelos, un xogo de mesa ou unha serie de televisión da CBS.

En resumo: os dinosauros xa estaban aí, ou seguindo o célebre micro relato de Augusto Monterroso, «cando espertou, o dinosauro aínda estaba alí».

Non reparamos en gastos

Sexa como for, e alén das referencias pasadas, a velocidade, intelixencia e perigosidade que amosan eses animais dos que fala Crichton na súa novela, o videoxogo rapidamente herda esa imaxe e faina súa.

Este prototipo de dinosauro, e podemos tomar como exemplo o velociraptor —unha interpretación que ben podería ser un delito contra o dinosauro real, no sentido do pouco ou nada que teñen que ver— foi elevado como un símbolo carnívoro doutra era. Unha especie de asasino en serie que exercía non só de inimigo, senón de castigo simbólico á hora de tentar ter criaturas ‘tan intelixentes e perigosas’ en cativerio.

Ese velociraptor, esa malvada criatura capaz de abrir portas, usar ascensores ou escribir un relato de 4.000 palabras para algún concurso literario municipal  foi acollida con fervor no videoxogo. Quen non quere semellante criatura no seu proxecto de dinosauros?

Portada do cómic Turok: Dinosaur Hunter.

Ademais, a figura do raptor deixaba atrás figuras evidentemente cute como os dinosauros de Bubble Bobble (1986), Bub e Bob, que aínda hoxe son quen de vender funkos e demais mercadoría para facer un espazo máis amable e xenial; ou tamén podía ser contraposta a Yoshi. Así, a imaxe que Jurassic Park xera do velociraptor é exportada e popularizada en todo o mundo e adoptada dun xeito moi veloz por case todas as ramas culturais do entretemento, competindo co rei por antonomasia dos dinosauros, o T. Rex.

Títulos como Turok: Dinosaur Hunter (1997) afondan nesa idea do dinosauro mediano como a némese do xogador, por habitual e por insistente. Cómpre lembrar, porén, que a franquía de videoxogos Turok nace como unha adaptación do cómic homónimo creado nos anos 50, e permitiríalle ao xogador controlar un guerreiro nativo americano, Turok, que debe evitar que o mal sexa o dono do universo cunha arma antiga e poderosa.

Outra obra lendaria que establece un vínculo particular co velocirraptor como elemento de terror e perigo constante é o Dino Crisis (1999) de Shinji Mikami. Na procura de novos elementos para o horror pixelado e poligonal, o pai de Resident Evil pensou que encher un laboratorio no medio dunha illa deserta era unha idea excelente para tal fin. Certamente, Dino Crisis é hoxe unha obra de culto, lonxe de perfección, mais curiosa dentro da tendencia imposta polos zombis de RE.

Aquí, hai poucos tipos de dinosauros —seis concretamente—, mais o raptor brilla con luz propia xunto co T. Rex. Son a ameaza principal e a que tenta dar o maior número de sustos posíbeis, sexa deixando cadáveres a medio comer por todas as habitacións, por poder usar os condutos de ventilación para se mover por toda a base ou porque son realmente perigosos cos seus movementos ben logrados, ao tempo que emiten un son característico que xa percibimos malia non permitir a cámara velos de primeiras.

Nas seguintes entregas desta saga, o terror quedaría case esquecido como tal, dando paso a un par de aventuras de acción en terceira persoa, máis preto do arcade mesmo que doutras opcións e mecánicas. Cómpre dicir que foron xogos bastante divertidos e adictivos, sendo o Dino Crisis 2 (2000) toda unha sorpresa no seu día, máis aínda tendo en conta que antes a información sobre as obras era moito menor, polo que o cambio entre a primeira entrega e a segunda pillou a máis dun por sorpresa. Tamén hai que dicir que conta cunha das portadas —ao menos a versión que chegou aquí— máis feas da historia.

Non só de humanos vive o dino

O que está claro, e isto é certamente curioso, é que os dinosauros nunca quedaron relegados a un contexto ou xénero exclusivo. Así, alén dos exemplos primeiros que se deron no texto, atopamos criaturas do pasado en ducias e ducias de obras que nada teñen que ver entre si. É certo que é posíbel que haxa máis títulos de acción ou aventura con dinosauros que de plataformas ou aventuras gráficas, mais tamén é certo que o propio medio ten un claro desequilibrio de peso nese sentido entre todas as opcións de xogabilidade que ofrece.

Deste xeito, atopamos dinosauros en MMORPG (Worlf of Warcraft) de diversas formas, ou mesmo en xogos de loita, como no clásico Primal Rage (1994) que mesmo acabou sendo unha película hai uns poucos anos. Destacar o tamén papel dos dinosauros no xénero da simulación e a xestión de parques de ocio. Evidentemente é doado fiar as referencias con Parque Xurásico, sobre todo se temos en conta exemplos como Jurassic World (2015) e a súa secuela que basean o seu contido base nos últimos filmes da franquía máis famosa sobre estes animais, porén, hai outros títulos como Parkasaurus (2020) que apostan por un aspecto visual máis cartoon.

Alén disto, o fenómeno dos títulos de supervivencia e recolección tamén tivo especial interese nos dinosauros. ARK: Survival Evolved (2017) igual non basea a súa xogabilidade de xeito absoluto nestes animais, pode que realmente só sexan unha escusa máis de todo o que propón o xogo, pero está claro que a súa imaxe, a súa atracción non é obviada de cara ao público e contan cun protagonismo lóxico. O certo, é alén de toda dúbida,  a temática dos dinosauros está lonxe de desaparecer e perder interese dentro da industria, que ve neles unha especie de comodín ao que volver decotío.

Obras como The Isle, Dino D-Day, Primal Carnage, Carnivores: Dinosaur Hunter Reborn ou Second Extinction foron aparecendo ao longo da última década. Algunhas con máis tino, outras con menos; mais sempre logran acaparar certa atención só polo feito de atoparmos eses réptiles terríbeis dos que tanto sabemos e ao mesmo tempo seguimos coñecendo.

Paga a pena facer unha mención especial a Monster Hunter, saga que ten unha relación evidente cos dinosauros e coa súa existencia, xa non só polo parecido —e adaptación— dalgunhas das criaturas do pasado a un mundo ficticio como propoñen os seus xogos de caza, senón pola relativa importancia da que gozan monstros como é o Anjanath, unha especie de tyrannosaurus bastante dopado e con horas de ximnasio.

O Anjanath de Monster Hunter, unha bela criatura.

 

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.