Os catro maiores anunciantes da Overwatch League retiran as súas achegas

Kellog’s, State Farm, T-Mobile e Coca-Cola, os catro maiores anunciantes da Overwatch League, tomaron a decisión de retirar as súas campañas de promoción dentro da competición dixital.
A noticia orixinal foi publicada por The Washington Post, onde tamén é explicado que no caso de Kellogg’s a súa saída é total, namentres que as outras tres marcas paralizaron, polo momento, a promoción acordada. «Estamos reevaluando o noso compromiso con Blizzard mentres damos un paso atrás por un intre para revisarmos os nosos programas e plans para o futuro», comentou un representante de Coca-Cola a The Washington Post.
A decisión chega tralo coñecemento público dos abusos habituais e reiterativos que a compañía facía sufrir ás súas empregadas, fomentando un ambiente terrible dentro da empresa. As acusacións fixéronse públicas o 22 de xuño, despois de que o departamento de emprego de California presentase unha demanda contra Activision-Blizzard por discriminación e abuso sexual, a través dun documento que recolle dous anos de investigación e testemuños.
Desde hai un par de semanas, chegan novas aos poucos sobre o tema. Bloomber publicou unha reportaxe na que é explicado que o cofundador e antigo CEO do estudio, Michael Morhaime, igual que o resto dos executivos, tiña pleno coñecemento do comportamento máis problemático dos seus empregados e, aínda así, decidiu ignoralo en base á súa popularidade.