Os combates entre xogadores chegan a Pokemon GO

Os combates entre xogadores chegan a Pokemon GO

Longa foi a espera e máis dunha e máis de dúas veces reclamaron os usuarios esta característica. A aplicación de móbil Pokemon GO incorporou a posibilidade de baterse en duelo con outro xogador que posúa o título descargado no seu teléfono.

O xogo de Niantic Games dá un paso de xigante con esta nova mecánica, que segundo o equipo de desenvolvemento quere “fomentar a interacción social cara a cara”. Nun principio, só as amizades e ultra-amizades poderán combater de maneira remota. Se queres competir de maneira casual, deberás botarte á rúa.

¡Elíxote a ti!

Na práctica, os xogadores poderán dende xa crear un equipo de até tres pokemon para enfrontar aos opoñentes que atopen. Así, introducirase un certo elemento estratéxico, propio da saga, no que os usuarios deberán buscar e armar un conxunto equilibrado, capaz de superar os retos que os seus rivais propoñan.

Por suposto, os combates ofrecerán recompensas e mesmo a posibilidade de conseguir obxectos de evolución, difíciles de obter no día a día ou de maneira habitual. Para que exista unha competición sa, os adestradores que desexen medirse deberán formar parte da mesma Liga de Combates de Adestrador, para así evitar abusos de nivel.

Os combates caracterízanse pola súa inmediatez, e son bastante dinámicos e áxiles. Ademais, ocorrerán en tempo real. Os duelistas poderán alternar o uso de Pos Estelares e Caramelos co de escudos, para executar movementos de ataque rápido e cargados. Así mesmo, tamén existe a posibilidade de apostar por un combate máis defensivo, e paliar a ofensiva do rival.

Pokemon GO é unha aplicación gratuíta, dispoñible para iOS e Android. Foi lanzado no verán de 2016 e desde entón converteuse nun fenómeno de masas, capaz de sacar ás rúas a miles de persoas cos seus eventos especiais ou as súas actualizacións. Se a partires deste momento atopas a unha parella enfrontada en plena rúa, cos seus móbiles na man, non te preocupes. Simplemente están a loitar por ser un mestre pokemon.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.