Actualidade Os compositores do B-side de Celeste denuncian non cobrar os royaltys do disco

Os compositores do B-side de Celeste denuncian non cobrar os royaltys do disco

Outra desas polémicas que se fan públicas cando semella que non queda outra saída aos seus prexudicados. Os compositores do disco B-sides de Celeste, conformado por remixes e adaptacións da música orixinal da obra, denunciaron ao mundo que o selo discográfico do álbum, Materia Collective, leva case dous anos sen pagarlles os royaltys que deberían obter polo seu traballo.

A través da súa conta de Twitter, o músico 2 Mello comentou que desde xullo do 2019 non recibiu ningún dos pagos mensuais que, en teoría, corresponderíanlle por contrato. Ao menos outros tres artistas do disco cos que falei tampouco recibiron ningún pago desde entón. Pregunteille sobre isto a Materia Collective o pasado outubro pero non teño noticias deles desde novembro», explica o afectado. Despois desta mensaxe, outros dous compañeiros sumáronse á protesta: Laura Intravia, que levaría 13 meses sen cobrar polos seus dereitos; e Alex Parish, que non tivo nunca noticia algunha da discográfica desde a saída do disco.

Tamén Materia Collective escolleu Twitter para publicar un comunicado no que se desculpan polo acontecido, explicando que os pagos serán entregados a mediados de febreiro. Segundo a empresa, 2020 foi un ano especialmente duro para o seu equipo, e non souberon xestionar os cambios que trouxeron as novas formas de traballo. «Entendemos que o que sucedeu non é aceptable, e todo o noso equipo está a deixar de lado todo traballo non esencial para axudar a que nos poñamos ao día. O noso obxectivo é ter todo listo a mediados de febreiro. Recibiredes os vosos pagos para esa data e manteremos aberta a comunicación durante todo o proceso», reza o anuncio.

En declaracións a PCGamer, 2 Mello móstrase enfadado e crítico coa compañía, ao «deixar de lado a súa máxima responsabilidade como selo todo este tempo, confiando no silencio dos artistas para actuar como encubridores destes fallos internos».

A música orixinal de Celeste está composta por  Lena Raine que, no ano 2019, cedeu os dereitos de distribución da súa obra a Materia Collective para que puidera publicar este álbum usando versións de diferentes artistas. A través dun fío na súa conta de Twitter, a compositora detallou e comentou o seu traballo no B-sides, asumindo a súa responsabilidade no sucedido, compartindo o seu malestar e posicionándose do lado dos músicos.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.