Os creadores de Loop Hero ofrecen o seu xogo gratis por torrent
Como xa comentamos en novas pasadas, a guerra en Ucraína esta tendo importantes consecuencias tamén na industria do videoxogo. Outro exemplo chega agora da man de Four Quarters, o estudio responsábel do notable Loop Hero e que conta coa súa sede en Rusia.
We are against war.
— FourQuarters team | Loop Hero (@_FQteam) February 24, 2022
A compañía posicionouse en contra da guerra, mais as sancións económicas afectan a todo o país ruso por igual. Así, a día de hoxe, os creadores de Loop Hero non están a recibir ningún tipo de ingreso polas vendas a través de Steam ou outras plataformas dixitais.
Four Quarters teñen claro que o seu xogo foi feito para ser xogado, polo que a través das súas redes sociais lanzaron un comunicado no que invitan a descargar de balde Loop Hero por torrent. A realidade é que a mesma Rusia legalizou a distribución de copias non autorizadas logo de que diversas empresas optasen por prohibir a venda dos seus produtos no país, como Microsoft, Sony, Nintendo ou Epic Games.