Actualidade Os directores de Days Gone abandonan Bend Studio

Os directores de Days Gone abandonan Bend Studio

Parece que Days Gone será o último xogo de Bend Studio coas firmas de John Garvin e Jeff Ross, directores do exclusivo de PlayStation 4. Farano logo de moitos anos traballando no estudio de Oregón, cun pequeno comunicado nas súas redes sociais.

Garvin, que foi o escritor e director de todos os xogos de Bend Studio entre Syphon Filter e Days Gone, deixara o estudio hai xa un ano, pero non realizara ningún anuncio oficial ata o de agora. A través de Twitter, John Garvin explica que precisa tempo para realizar proxectos persoais como a pintura, a escritura e, máis que nada, tomar un descanso da industria dos videoxogos. No comunicado agradece a Shuhei Yoshida, a Jeff Ross, e a todos os empregados de Bend Studio, a súa compañía durante estes últimos 20 anos.

Jeff Ross tamén confirmou a súa marcha da empresa como unha oportunidade para buscar novos retos.  «Esta semana é a miña última en PlayStation e Bend Studio. Estou incriblemente orgulloso de todos os xogos que tiven a oportunidade de facer, pero tamén agardo con ganas os novos desafíos que se presenten. Darei a coñecer os meus plans máis adiante, pero mudareime a Chicago unha vez acougue a COVID».

A vida segue para Bend Studio, que xa na primavera publicaron varios anuncios na procura de empregados para un novo xogo AAA. A empresa forma parte de PlayStation, e é unha das súas first-party máis coñecidas.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.