Os dous títulos de Monument Valley sairán para PC o 12 de xullo

As dúas obras de Ustwo games, Monument Valley 1 e 2, chegarán a Steam o vindeiro 12 de xullo. O anuncio foi realizadoo a través dun novo vídeo publicado pola compañía no que presentan un pack con ambos os dous títulos chamado Panoramic Collection. E si, como é de supoñer, inclúe os dos xogos orixinais, se ben están adaptados a pantallas de até 21:9.
Porén, poderemos tamén mercalos por separado por se non queremos mercar o pack. Sexa como for, nos dous casos os xogos contarán con todo o contido editado a maiores desde o seu lanzamento, ao igual que as actualizacións que foron recibindo. Cada xogo custará 9,99 euros e se os mercamos xuntos teremos un 15 % de desconto.
Igual non coñeces Monument Valley, pero é unha desas obras que paga a pena xogar unha vez na vida, con quebracabezas sorprendentes e fermosos labirintos visuais que acaba por xerar unha experiencia bastante contemplativa, mesmo relaxante. Tal e comoo sinalan os seus creadores, esta nova versión pode ser a máis «ampla, rica e fermosa» das que podemos xogar. Sempre podes xogar no móbil, en iOS ou Android, como fixemos unha chea de xente.