Actualidade Os empregados de Riot levan as súas protestas á rúa

Os empregados de Riot levan as súas protestas á rúa

Máis de cento cincuenta empregados de Riot Games deixaron este luns os seus postos de traballo en Los Ángeles por unhas horas en sinal de protesta. A decisión por parte dos donos de League of Legends de tentar bloquear dous das cinco denuncias que teñen pendentes por discriminación sexual mediante arbitraxe privada foi a pinga que colmou o vaso. A principios de novembro do ano pasado, Melanie McCracken (empregada de Riot Games) e Jessica Negron (ex-empregada da compañía) acusaron a Riot Games de incumprir a lexislación vixente en canto a igualdade salarial, discriminación laboral, acoso no traballo e outros cargos.

Durante os últimos meses, a empresa de videoxogos estivo no ollo do furacán xunto a outras compañías como NetherRealm, Rockstar ou Bioware. Aínda que Riot se comprometeu a eliminar a arbitraxe privada das cláusulas dos novos contratados cando rematen os xuízos en curso, afirman que se manterán, polo momento, para os empregados que entraran na empresa recentemente, e que sempre buscarán a forma de mediar en privado e non nun tribunal.

O estudio dono de League of Legends, que continúa sendo un dos videoxogos máis populares do mundo, afirmou tras o escándalo publicado por Cecilia D’Anastasio de Kotaku, que faría esforzos por mellorar a diversidade e evitar casos negativos dentro das súas oficinas. Todo ese traballo semella que se botou a perder con este movemento de bloqueo ás novas demandas e despois de comprobarse como varios dos empregados acusados no pasado de prácticas lamentables seguen ocupando os seus postos, polo que a folga chegou como unha resposta clara e contundente.

Empregados de Riot nas súas oficinas de Los Ángeles durante o parón.

A empresa asegura que vai respectar aos seus empregados e que non tolerará represalias de ningún tipo sobre aqueles que decidiron secundala, nin sobre aqueles que decidisen non facela.

Ao longo da xornada, diversos medios norteamericanos cubriron as protestas, nas que os traballadores reclamaron con pancartas e falando por quendas sobre os diferentes incidentes que viviron durante a súa estancia en Riot. Ao rematar o parón, os organizadores confirmaron que se as súas demandas non son escoitadas, o 16 de maio considerarán continuar con este tipo de accións.

A folga contou co apoio de Game Workers Unite, organización internacional que busca promover os sindicatos de traballadores da industria do videoxogo e evitar calquera mala conduta laboral cara aos traballadores.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *