Os mundiais de League of Legends volverán a Europa no 2019

Aínda sen rematar o Campionato Mundial de League of Legends deste ano en Corea do Sur, Riot Games xa ten sobre a mesa as cartas que xogará nos próximos anos. Que rexións do mundo serán as anfitrioas dos Worlds en 2019, 2020 e 2021?
Os afeccionados ao LoL en Europa están de sorte. O vello continente volverá acoller un mundial do título de Riot catro anos despois de facelo por última vez.
2019 – Volta a Europa

Case un lustro despois do Mundial que se celebrou en Berlín, o MOBA máis xogado do mundo confía de novo en Europa para ser a sede dunha das competicións de deportes electrónicos máis seguidas do mundo. Aínda non se coñecen que cidades serán as elixidas para as partidas presenciais, pero a final celebrarase en París.
2020 – O xigante asiático
No 2017 China demostrou ser un escenario fabuloso para o mundial de LoL. Maís de 80 millóns de espectadores gozaron das súas semifinais, ademais de contar cunha audiencia presencial de máis de 40.000 fans. Riot Games teno claro, e apostará por China de novo para os Worlds de 2020 par así festexar o décimo aniversario do torneo internacional.
2021 – Un terreo coñecido
Norte América xa foi sede dos mundiais en tres ocasións. O territorio americano é sempre un lugar de sobra coñecido pola súa capacidade para celebrar grandes eventos electrónicos, por iso non sorprende que volva ser a sede deste torneo de novo.