Os perigos de cambiar o nome na PlayStation Network

Non hai moito, Sony anunciou a opción de cambiar o PlayStation Network ID, noutras palabras, o nome da conta dentro da rede da consola de Sony. A opción, chegará de maneira pública ao longo do próximo ano 2019. Estes últimos días enviouse a certos usuarios unha beta para o firmware 6.10, que permite probar esta opción, pero tamén advirte dunha cousa: pode ter consecuencias.
Segundo a nota remitida por parte de Sony, estas consecuencias pasan por dar errores nalgúns xogos antigos de PS4, PS3 e PS Vita. Cales? Dende a perda de contido (incluíndo descargas de pago, como DLCs e moedas virtuais), progreso (partidas gardadas, trofeos conseguidos) ou a aparición de mensaxes de error durante a partida, tanto en liña como sen conexión. Tamén é posible que pese ao cambio do nome, algúns títulos sigan amosando o alias orixinal.
A cousa non acaba aí. Volver ao vello nome non garante recuperar o contido perdido. É máis, podería ocasionar aínda máis problemas debido a ser un novo cambio para o sistema. É recomendable por tanto modificar o PSN ID? Polo momento non parece recomendable.
Con todo, se un usuario quere facelo, o primeiro cambio será de balde, e os posteriores terán un prezo de case dez euros. Os usuarios de PS Plus terán un desconto de cinco euros.