Actualidade Os servidores de Singstar pecharán o próximo febreiro

Os servidores de Singstar pecharán o próximo febreiro

Quen non colleu o micrófono de Singstar algunha vez esperando ser recoñecido como o mellor cantante da súa casa? Todo o mundo ten esa canción na que obtén a máxima puntuación, ou esoutra na que en dúos achou no seu día a súa alma xemelga para o canto. Se es dos que aínda goza facendo da súa casa un karaoke, ollo con descargar todas as cancións que creas necesarias para o futuro. Sony confirmou que en febreiro pechará os servidores de Singstar.

A Singstore deixará de estar dispoñíbel a principios do ano que vén, feito que impedirá a compra de novas cancións, ademais de imposibilitar o uso das funcións en liña. Por suposto, as cancións descargadas seguirán dispoñíbeis para xogar no fogar, pero algúns trofeos xa non se poderán obter.

En PlayStation 4 si se poderán descargar as cancións xa compradas no futuro, pero non así en PlayStation 3; unha vez pechados os servidores, se borras unha canción nesta máquina, non a poderás recuperar. Todos os detalles do peche de servidores poden ser consultados no blogue oficial de PlayStation España.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
    • Pastel de carne
    • En: 04 de Novembro de 2019

    Tamén pode utilizarse Ultrastar, unha versión para pc, de balde, e cunha enorme comunidade que lanza continuamente cancións actuais, todas descarábeis vía torrent.
    Poderías escribir unhas lineas sobre o tema, pásoche links se non atopas.

      • Carlos Pereiro
      • En: 04 de Novembro de 2019

      É boa esa!

      Voulle botar un ollo.