Os servidores multixogador de The Last of Us e dos Uncharted de PS3 pechan en setembro

É certo, nada é eterno. Os servidores multixogador de Uncharted 2, Uncharted 3 e The Last of Us tampouco. Naughty Dog anunciou que os pechará este mesmo mes de setembro. Scott Lowe, un dos directores de comunicación do equipo, foi o encargado de asinar o comunicado oficial no que se anunciou o movemento empresarial. «Sentímonos honrados por apoiar ás comunidades apaixonadas que creceron ao redor dos seus multixogadores durante case unha década», sinala.
Agora ben, todo servizo ten dereito a un digno final. Todos os DLC dos amentados títulos que garden relación co modo multixogador poderán ser descargados totalmente de balde até a data límite; o 4 de setembro máis concretamente.
E The Last of Us Remastered? O seu destino é diferente ao verse atado ao de PlayStation 4, polo que seguirá mantendo as súas funcións en liña.

A día de hoxe, a saga Uncharted despachou máis de 40 millóns de copias.