Os Tony Hawk orixinais volven á vida este setembro
Os clásicos nunca morren aínda que si agradecen un lavado visual, unha posta a punto para as xeracións actuais. Tony Hawk’s Pro Skater 1+2 chegará o vindeiro 4 de setembro a PS4, Xbox One e en exclusiva en PC para Epic Games Store. Novos modos de xogo, gráficos actuais e unha banda sonora con varios dos éxitos que marabillaron os xogadores da PS1 e Nintendo 64.
O anuncio foi realizado a través do Summer Games Fest, o macro evento que abarcará todo o verán e que organizou o gran mestre de cerimonias da industria do videoxogo Geoff Keighley. Un dos engadidos máis interesantes para este remake será a inclusión das partidas en liña, nas que poderemos competir xunto aos nosos amigos e persoas de todo o mundo en retos para conseguir a maior puntuación posible enriba do noso skate.