Os usuarios mercan Apex Construct pensando que é Apex Legends

Os usuarios mercan Apex Construct pensando que é Apex Legends

Apex Legends está a triunfar coma o battle royale do momento e semella que alguén está a recibir máis anacos do pastel nesta festa. Apex Construct, un xogo de realidade virtual, dispoñible en  PC e  PlayStation 4, está a recibir uns beneficios totalmente inesperados. Todo iso debido a que, basicamente, os compradores están a confundir o título de Fast Travel Games polo desenvolto polo estudio responsable de Titanfall.

Unha auténtica onda de consumidores asolagou a páxina de Steam do xogo e fixo medrar as visitas nun 4000 % ao longo das dúas últimas semanas. O xogo vendeu en China tantas copias neste tempo como durante todo o ano 2018.

O título de Respawn Entertainment está a arrasar en todas as plataformas.

Andreas  Juliusson, responsable de comunicacións no estudio Fast Travel Games, comunicou que a maior parte destas compras débense a un erro e que con gran seguridade os usuarios solicitarán a devolución dos cartos en Steam ao non mercar o título que tiñan en mente. “Semellaque a xente está lista para pagar 29,99 dólares polo que cren que é Apex  Legends a pesar de que é un xogo de balde”, dixo Juliusson, que non lle queda outra que tirar de humor. “O máis probable é que se devolva o diñeiro desas vendas, pero os nosos libros de contas agora mesmo locen moi ben”. As devolucións son responsabilidade da tenda dixital, polo que o estudio non ten implicación directa neste proceso.

Con todo, non todo son boas noticias. Moitos usuarios, frustrados por non atoparse co contido que pensaban, están a deixar cualificacións e recensións negativas sobre Apex Construct, alegando suplantación de nome do afamado Apex  Legends. Segundo explica Juliusson, agárdasee que  Steam solucione estas recensións negativas inxustificadas e liquide estes malentendidos.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.

Artigos relacionados