Reportaxes Os xenomorfos regresan por partida dobre

Os xenomorfos regresan por partida dobre

Parece que o espazo segue sendo un lugar onde axexan máis monstros que aliados. A criatura creada para a película de 1979 de Ridley Scott segue sendo un reclamo evidente na industria do videoxogo. Hai que dicilo, Alien dá de si. Até dous videoxogos sobre xenomorfos están a desenvolverse na actualidade: un survival horror para teléfonos móbiles co nome Alien: Blackout; e un MMO con elementos de shooter, aínda sen nome oficial.

FoxNext Games, D3 Go! e Rival Games son os grupos de traballo que se atopan detrás do primeiro título. Estará protagonizado por Amanda Ripley, no hostil e sombrío ambiente dunha estación espacial de Weyland-Yutani. Aló deberemos sobrevivir a un perigoso xenomorfo.

En certo sentido, podería entenderse que Blackout parte da mesma premisa que Isolation, a última e aclamada entrega da saga. Agora ben, o enfoque, por motivos de loxística e xogabilidade, será diferente. Aquí deberemos guiar a unha tripulación ao completo a través dos corredores e as estancias da estación, evitando ao escorregadizo e mortal alieníxena. O xogo estará dispoñible para Amazon Appstore, Google Play e App Store.

Captura de pantalla promocional de Alien: Blackout.

O xogo tratará de emular e darlle continuidade á angustia da anterior entrega de supervivencia. A presenza do xenomorfo será unha constante e o xogador deberá tratar de evitalo custe o que custe. Nada de loitar a peito aberto co bicho. Destaca a inclusión da toma de decisións, que deberán ser xestionadas coidadosamente mentres agardamos de que os camiños polos que mandemos á tripulación sexan seguros.

Contará con sete niveles diferentes e segundo indican os seus creadores todas as partidas serán distintas entre si, habendo un elemento común de perigo grazas a unha criatura impredicible. A aposta pola rexogabilidade en busca de novas experiencias parece evidente.

Sen data aproximada nin máis datos sobre o seu deseño, só queda esperar. Haberá que agardar para ver que tal se desenvolven estas criaturas na pantalla dun teléfono.

Multixogador e Aliens, a tiro limpo

A confirmación  dun segundo título chegou de parte de FoxNext, a división de videoxogos da canle de televisión estadounidense. Hai un MMO de disparos sobre Alien en camiño. Non é a primeira noticia que se ten respecto disto, pois xa hai un ano, trala compra de Cold Iron Studios anunciouse o encargo de traballar nun título de acción para a franquía do espazo, tanto para consolas como para PC.

Segundo parece tamén seguirá a historia de Amanda Ripley, aínda que non se detallou como encaixará a protagonista neste título multixogador. Iso si, a conta oficial da saga das criaturas máis famosas (e perigosas) da galaxia asegura que pronto haberá máis noticias.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.