Os xogadores de FIFA 20 xa quentan pola banda
Ano tras ano, década tras década, FIFA elévase como a gran franquía sobrevivente a todo; ao tempo e ao público. Convertida nunha especie de salvoconducto económico para Electronic Arts, o agarimo que profesa a compañía sobre o xogo é evidente. Non, non hai imaxes ou vídeos de demostración sobre FIFA 20, pero EA Sports confirmou algúns detalles do que está por chegar
A través dun comunicado oficial, a firma de videoxogos quixo ir poñendo os puntos sobre os íes e vén de adiantar algunhas das melloras, correccións e novidades que veremos no FIFA que cambiará a unha nova decena no seu título. Todo iso mostrarase na conferencia do EA Play, o 8 de xuño, ás 20 horas, con Álex ‘Goldenboy’ Méndez á cabeza da retranmisión.
Cambios na IA e a xogabilidade
EA Sports recoñece que as defensas automáticas de FIFA 19 son mellorables. Non puideron corrixir este defecto da IA ao longo da presente tempada, por iso en FIFA 20 vaise reformular o seu funcionamento. O equipo de deseñadores está niso, traballando arreo con todas as mecánicas implicadas na zaga.
Vaise mellorar a precisión dos disparos nos un contra un. Sendo estas ocasións claras de gol, os xogadores levarán recompensas por atoparse nunha situación vantaxosa e poderán marcar con maior facilidade. Os tiros co exterior tamén se verán mellorados, igual que as reaccións dos porteiros e o axuste da potencia. Sobre este mesmo tema, EA tamén declarou que recibiron moitos comentarios ao redor das finalizacións, polo que reducirán o período verde para executar os tiros exactos de entre 2 e 4 fotogramas, a 2 en todos os lanzamentos. De igual maneira os disparos de 180º serán menos potentes.
Doutra banda, en FIFA 20 reducirase a eficacia dos tiros e centros con voleas para que suba a dificultade naqueles centros que proveñan de balóns elevados. Tamén haberá máis variedade de posibilidades cando dous xogadores loiten por un balón aéreo. As voleas tamén se verán afectadas: serán menos precisas.
Se estás canso de que o teu rival poida encadear unha filigrana tras outra e acabes co cu ao aire á hora de defender, estás de sorte. EA avisa de que está a traballar para arranxar este tipo de xogadas e engadirá unha probabilidade de erro ao realizar certas filigranas consecutivas, facendo máis doado perder o balón.
Os porteiros tamén se verán afectados, xa que o seu control manual será máis lento e realista segundo a compañía estadounidense. Ademais, as marcaxes e posicionamentos serán máis realistas ao defender ou atacar durante as xogadas ensaiadas ao mellorar a lóxica destas situacións.
En poucas palabras, FIFA 20 está xa no forno e chegará máis pronto do que cabería imaxinar para non faltar á súa cita anual con todos os xogadores do mundo. A galiña dos ovos de ouro de Electronic Arts é unha constante que ano tras ano figura en millóns de bibliotecas do mundo, sendo, en moitos casos, o único título de non poucos usuarios de consolas.