Actualidade Os xogadores de PS3 desactivan todas as bombas e conseguen a paz mundial en MGSV

Os xogadores de PS3 desactivan todas as bombas e conseguen a paz mundial en MGSV

Posiblemente un dos eventos máis complicados de conseguir nos videoxogos vén de ser realizado en Metal Gear Solid V: The Phantom Pain. A derradeira obra da extensa relación entre Hideo Kojima e Konami conta cunha escena secreta cuxos requisitos para desbloqueala antollábanse case imposíbeis.

O título inclúe dentro do seu apartado multixogador coa posibilidade de construír Bases de Operacións Avanzadas -F.O.B.- as cales permiten colleitar recursos e así poder crear armas nucleares. É necesario que todas as bombas atómicas dos xogadores sexan desactivadas para poder visualizar a escena, polo que a cooperación e o obxectivo común entre a comunidade era imprescindíbel para logralo.

Finalmente, os usuarios de PS3 conseguiron, cinco anos despois do lanzamento do xogo, o que parecía inalcanzábel: o desarme nuclear. O traballo en equipo daqueles que pretendían instaurar a paz mundial e depoñer as armas triunfou fronte aos belicistas. Podedes ver o momento no que salta a escena en MGSV neste vídeo:

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.