Actualidade Os xogos de Pokémon en móbiles xeraron máis de 2.500 millóns de dólares

Os xogos de Pokémon en móbiles xeraron máis de 2.500 millóns de dólares

A través da consultora Sensor Tower, puidemos coñecer as cifras económicas centradas nos videoxogos de Pokémon para dispositivos móbiles. Non son un tema menor. Ao remate deste pasado mes de febreiro superárase xa a cifra de 2.500 millóns de dólares en ingresos netos. Proba inequívoca do poder de convocatoria que aínda teñen as criaturas de Game Freak.

A avaliación feita por Sensor Tower ten en conta un total de seis títulos, ben é certo que o 98 % de toda esta inxente cantidade de ingresos provén de Pokémon GO, que xera preto de 2.5 millóns de dólares cada día. O volume de ingresos restante deses 2.450 millóns de euros, uns 50 millóns de dólares, represéntano o resto de títulos da franquía dispoñibles en terminais móbiles para iOS e Android, a saber: Pokémon Duel (que non se pode xogar no noso territorio), Pokémon Shuffle, Pokémon Quest, Pokémon: Magikarp Jump e Pokémon TCG Online. Desta media ducia, o que mellor rendemento reportou até agora é Pokémon Shuffle.

Segundo o mesmo informe, América do Norte achegou un 35 % de todos este cartos. Só Estados Unidos, aportaría 875 millóns de dólares. Pola súa banda, Xapón achegaría un 29 %, o que en cifras tradúcese en 735 millóns de dólares.

Pokémon GO continúa arrasando en todo o mundo e seegue sendo unha máquina de ingresos.

As cifras non son só millonarias no referido aos dólares. Tendo en conta só estes títulos móbiles, Pokémon conta con 640 millóns de xogadores en todo o mundo dende 2014.  Pokémon GO, por exemplo, ten unha comunidade con máis de 550 millóns de usuarios rexistrados dende a súa chegada ás tendas dixitais. Lonxe queda o segundo clasificado desta peculiar competición. Pokémon Duel ten nos seus servidores a 39 millóns de xogadores, aínda que nestas terras non podemos gozalo.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.